O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou o impulso de Alfredo Conde ao galeguismo integrador e fraterno que tende pontes entre terras e persoas.
Durante o acto de entrega do título honorífico de Fillo Predilecto da provincia de Ourense, Feijóo recordou que Alfredo Conde foi protagonista -“e non relator”- dunha fermosa historia naquel Parlamento cuxa efeméride celebrouse hai poucos días. “Había un cuarteto de deputados procedentes do galeguismo independente do que formaba parte o que hoxe recibe a merecida homenaxe da súa xente”, lembrou, subliñando que, lonxe de ser testemuñal, a presenza de Alfredo Conde, Ramón Piñeiro, Carlos Casares e Benxamín Casal, tiña o significado de representar a continuidade e unha maneira grata de entender a devoción por Galicia, intensa e ao tempo afable.
“Aqueles catro deputados personificaban un galeguismo apto para todos os galegos”, abundou, ao longo da súa intervención.
Así mesmo, o responsable do Goberno galego afirmou que aquela intensa experiencia como deputado e despois como conselleiro de Cultura no Goberno de Fernando González Laxe, non só foi frutífera no terreo político, senón tamén no literario. “Este novo fillo predilecto da provincia de Ourense ten o inmenso mérito de lograr unha obra composta de libros que son embaixadores do noso”, dixo, precisando que a súa literatura comparte co galeguismo integrador esa apertura cara ao exterior, “ese camiño de ida e volta de influencias que tanto enriquece ao ser de Galicia”.
Nesta liña, aseverou que, se ben poucos como Alfredo Conde teñen escrito tanto en galego e teñen defendido tanto a nosa lingua cando as circunstancias eran especialmente hostís, non en tanto ese amor perpetuo polo idioma non o leva a abrazar ningún dogma no que o bilingüismo estea proscrito. “A súa mestría exhíbese por igual en galego e en castelán. Pertence a un mundo literario no que os valados idiomáticos, por fortuna, non existen”, concluíu.