César Fernández cualificou o FITO como “un evento referente na axenda cultural da provincia de Ourense”. Un proxecto xa consolidado “que nos axuda a facer medrar a cultura e á súa profesionalización, adquirindo máis valor e ofrecendo máis calidade”. Aquí, dixo o vicepresidente segundo, “escenificamos que as administracións públicas -Deputación e Xunta de Galicia- somos quen de sumar esforzos para favorecer a cultura como elemento básico da nosa sociedade”.
En representación da Xunta de Galicia, Jacobo Sutil asegurou que “os festivais que temos en Galicia crean un escosistema escénico do que o FITO é unha parte imprescindible pola súa capacidade de difusión da produción galega, aínda que tamén con outras propostas de fóra de Galicia, nun labor de reivindicación da cultura e promoción de compañías emerxentes”.
Olga Mojón valorou pola súa banda a oportunidade que este festival brinda á cidadanía “para gozar da cultura”, destacando que chegar á edición número quince “demostra o interese pola superpervivencia de proxectos culturais que, ano tras ano, teñen espazo no Teatro Principal”. Antes de detallar a programación, Fina Calleja expresou a súa satisfacción “pola volta á normalidade” do festival, agradecendo á Deputación de Ourense e ao Teatro Principal a súa colaboración para “ofrecer espazos dignos que estean á altura dos artistas que desexan exhibir as súas propostas”. Un capítulo de agradecementos no que incluíu ao Centro Cultural Marcos Valcárcel, o Liceo de Ourense, Mur Marxinal e o colexio Maristas, que tamén acollerán espectáculos dun FITO “con moitísima variedade”.
Xa desde o día 12 de outubro haberá teatro de rúa diario, a partir das 12.30 horas, coa compañía galega A Run Run e o espectáculo Fitomozas”. A primeira produción á escena, o día 13 no Teatro Principal, leva por título As que limpan, do grupo A Panadaría. Tamén no mesmo lugar seguirán o día 14 os portugueses de Artimagem con Especies Lázaro; e o 15 de outubro Alma de Tigre de Elefante Elegante. Ao día seguinte o Circo Chosco representará Oh-pera no patio do colexio Maristas.
O día 18 está reservado para a segunda edición da iniciativa 67 graos Ourense Fervescénica, que ten como obxectivo da visibilidade aos creadores emerxentes, abríndose a artistas de toda Galicia. O programa convoca 4 bolsas, unha delas de 500 euros e as restantes de 250, incluíndo ademais o premio extraordinario do público para a proposta mellor valorada polos asistentes. A convocatoria para participar nesta edición estará aberta desde o 5 de outubro. A programación continúa do día 19 no espazo Mur Marxinal con Ragazzo, de Barrosanta; na seguinte xornada está prevista a estrea absoluta de Uxía Morán con Ingobernable. O Liceo acolle o día 21 Pirolíticos, de Mofa e Befa; seguindo coa compañía arxentina Sutottos e o espectáculo Perdón. Pechará esta edición do festival Ibuprofeno Teatro con Smoke on the water.
O horario das producións será sempre ás 20.00 horas, agás o domingo 23 que será ás 19.00. As entradas, xa dispoñibles en ataquilla.com e no propio teatro dúas horas antes de cada función, terán un prezo de entre 9 e 4 euros. Ademais, a XV edición do FITO inclúe actividades paralelas como a presentación de dous libros: Panderama, do dramaturgo e crítico Alfonso Becerra; e Antoloxía do Teatro Galego editado por Cena Lusófona, asociación portuguesa para el intercambio cultural.