Ourense Cidade

Down Ourense presenta o seu calendario solidario 2023

Sonia González Sánchez, presidenta da entidade: “Coa compra deste calendario estase apoiando a inclusión e a promoción da autonomía das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais”

Óscar Gómez

Ourense | 04.11.2022 08:56

Down Ourense presenta o seu calendario solidario 2023
Down Ourense presenta o seu calendario solidario 2023 | onda cero

Nesta edición, a asociación contou coa colaboración de distintos medios de comunicación da comarca e do fotógrafo Emilio Romanos Castiñeira, que conseguiu captar en imaxes divertidos momentos de membros de Down Ourense nas dependencias de La Región, Telemiño, La Voz de Galicia, Radio Ourense Cadena Ser, Radio Televisión de Galicia, Radio Televisión Española e Faro de Ourense. Deste xeito, mozos e mozas da entidade posaron en platós de televisión, estudios de radio, redaccións de prensa ou mesmo gravando con cámaras profesionais e dando a predición meteorolóxica. Pola súa parte, a Deputación de Ourense colaborou de xeito económico, sufragando a impresión dos 300 calendarios de parede.

No acto de presentación do almanaque, que tivo lugar na Sala de Xuntas da Deputación, participaron a deputada provincial, Luz Doporto Real; a presidenta da Asociación Down Ourense, Sonia González Sánchez; e o fotógrafo Emilio Romanos.

Na súa intervención, Sonia Sánchez destacou a importancia desta iniciativa e resaltou que “o calendario solidario supón para Down Ourense unha fonte de ingresos moi importante e é unha vía máis de visibilidade e protagonismo para as persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais”. Tamén quixo agradecer “a participación de todas as persoas que, de maneira desinteresada, o fixeron realidade” e aproveitou a súa intervención para recordar que “coa súa compra estase apoiando a inclusión do colectivo”.

Este ano a tirada será de 1.000 exemplares: 300 calendarios de parede e 700 calendarios de mesa. Todos eles terán un prezo de 5€ e os beneficios obtidos coa súa venda irán destinados integramente ós programas de promoción da autonomía persoal que se levan a cabo en Down Ourense e que, actualmente, dan servizo a 86 persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais e ás súas familias.

Aquelas persoas que así o desexen, poderán adquirir o seu calendario solidario na propia asociación e nas tendas Angelo Milano (R/ Paseo, 30) e Nuria Vidal (R/ Concordia, 12).