Expourense

Despois de dous anos volve Funergal os días 19 e 20 de Maio

A 11ª Feira Internacional de Produtos e Servizos Funerarios, que conta co apoio da institución provincial, celebrarase en Expourense reunindo a 65 expositores de 8 países

Óscar Gómez

Ourense | 17.05.2022 10:16

Despois de dous anos volve Funergal os días 19 e 20 de Maio
Despois de dous anos volve Funergal os días 19 e 20 de Maio | onda cero

O vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, participou na presentación da 11ª Feira Internacional de Produtos e Servizos Funerarios, Funergal, que co apoio da institución provincial celebrarase en Expourense os días 19 e 20 de maio reunindo a 65 expositores de 8 países. Un evento “cun alto grao de especialización”, destacou Fernández na súa intervención, “que reúne nun mesmo encontro actividades tan importantes como o negocio, a competitividade e maila formación”.

O vicepresidente provincial felicitou á dirección de Expourense polo regreso dun encontro que, no seu formato de feira, levaba sen celebrarse desde hai catro anos, xa que ao seu carácter bienal súmase a suspensión de 2020 pola pandemia, parabéns que estendeu ao feito de que se trata do “único encontro internacional do sector que se organiza este ano na península ibérica”

Durante a pandemia, dixo Rosendo Fernández, “o sector demostrou unha enorme capacitación que é froito da preparación, formación e especialización”, aspectos que seguen a potenciarse coa celebración, coincidindo con Funergal, do 2º Congreso Internacional de Directivos Funerarios, coa participación de 22 relatores de España, Arxentina e México.