Ourense Provincia

A Deputación organiza visitas guiadas ao Parque da Igualdade

Coincidindo co 25N e na contorna do parque, no encoro de Cachamuíña, celebrarase unha andaina para demostrar o funcionamento da nova aplicación “VOUContigo”, deseñada para que a poboación poida comunicar os seus desprazamentos a grupos de confianza.

Óscar Gómez

Ourense | 25.11.2022 08:11

A Deputación organiza visitas guiadas ao Parque da Igualdade
A Deputación organiza visitas guiadas ao Parque da Igualdade | La Voz de Galicia

A Deputación de Ourense, a través da área de Benestar, porá en marcha un programa de concienciación na loita contra a violencia de xénero que estará dirixido a escolares de toda a provincia e terá, como espazo de referencia, o Parque da Igualdade situado na contorna do encoro de Cachamuíña, en Pereiro de Aguiar.

O programa constará de visita guiadas e interpretativas sobre o significado do parque, promovendo así desde idades temperás e dun xeito didáctico, práctico e comprensible a toma de conciencia sobre a igualdade e o problema da violencia de xénero. “Cremos que estas etapas son un bo momento para sensibilizar a nenas e nenos sobre a importancia destes valores, non só un día, coincidindo coa celebración do 25N, senón durante todo o ano”, explica a deputada de Igualdade, Luz Doporto.

O programa comezará o próximo luns, día 28, coa visita ao parque dos alumnos do CEIP Ben-Cho-Shey de Pereiro de Aguiar. Os escolares de Infantil e Primaria do Rosalía de Castro de Xinzo de Limia achegaranse ata este espazo o día 30, mentres que a quenda para o alumnado do colexio Sagrado Corazón de Celanova será o día 1 de decembro. O calendario do programa irase completando a medida que se concerten novas visitas.

Un percorrido polo “camiño emocional” das vítimas

O Parque da Igualdade, inaugurado hai un ano por estas mesmas datas, consta dun amplo paseo en forma de lazo onde os visitantes atopan, entre especies vexetais especialmente seleccionadas, diversos obstáculos que representan o camiño emocional que percorren as vítimas e o deterioro do seu entorno. No centro do óvalo que forma o lazo, a loita das mulleres pola igualdade está representada pola escultura "El abrazo", de Manuel Buciños, a cuxo pe figuran os nomes de todas as vítimas da violencia de xénero desde 2003, ano no que se comezou a dispoñer de datos.