Xantar

A Deputación destaca “por trasladar a imaxe real de Ourense como destino enogastronómico de calidade”

Rosendo Fernandez agradeceu no acto inaugural de Xantar “a implicación de empresas e produtores na estratexia de promoción da provincia, que teñen en nós os aliados que precisan para dar a coñecer os seus produtos”

Óscar Gómez

Ourense | 03.11.2021 18:16

A Deputación destaca “por trasladar a imaxe real de Ourense como destino enogastronómico de calidade”
A Deputación destaca “por trasladar a imaxe real de Ourense como destino enogastronómico de calidade” | onda cero

O vicepresidente da Deputación de Ourense e presidente do Inorde, Rosendo Fernández, destacou hoxe na inauguración de Xantar “a aposta que a Deputación de Ourense vai facer para trasladar, desde este gran centro internacional de coñecemento, negocio e turismo que é Expourense, a imaxe real do noso territorio como destino enograstronómico de calidade”. Unha estratexia, dixo na súa intervención no acto inaugural, “que é posible grazas á implicación das nosas empresas, que teñen na Deputación e no Inorde os aliados que precisan para dar a coñecer os seus produtos”.

Rosendo Fernández subliñou que a celebración da edición número 22 de Xantar “non só pon de relevo que estamos ante un clásico do calendario de salóns feirais, senón ante un recinto que nestes días se converte nun templo gastronómico”. Unha ocasión especial, engadiu, “para promocionar a estratexia e a marca turística da provincia de Ourense presentada onte mesmo no castelo de Monterrei e baseada en catro piares que son as nosas auténticas fortalezas: natureza, patrimonio, termalismo e enogastronomía”.

Detallou Fernández a presenza en Xantar da Deputación, onde baixo o título “Ourense, destino enOUgastrómico” o Inorde está representado cun restaurante no que o público poderá degustar un menú elaborado con produtos de Cuevas, Coren e das 30 empresas participantes no proxecto europeo de dixitalización Red Agriconect 4.0, do que o Inorde é socio. Unha proposta gastronómica elaborada polo chef Carlos Parra “que se transformará no altofalante que necesitan os nosos pequenos produtores para promocionar os produtos da nosa terra, exemplo de sustentabilidade e os mellores embaixadores de Ourense”.

Tamén se referiu o vicepresidente da Deputación ás actividades que, en paralelo ao restaurante, desenvolverá o Inorde ata o próximo día 7 e que inclúen unha exposición dos produtos das 30 empresas participantes no proxecto europeo, procedentes de todas as comarcas da provincia, así como tamén senllos expositores cos dous xeodestinos que xestiona o Inorde: Terra de Celanova-Xures e Manzaneda-Trevinca-Valdeorras.