Cooperación

A Deputación colaborará na construción dunha residencia de maiores en Laza

Manuel Baltar recibiu no Pazo Provincial ao alcalde de Laza co que abordou outras actuacións a realizar no municipio en materia de infraestruturas e dotacións para os veciños, como dous parques infantís

Óscar Gómez

Ourense | 06.04.2022 10:01

A Deputación colaborará na construción dunha residencia de maiores en Laza
A Deputación colaborará na construción dunha residencia de maiores en Laza | onda cero

A Deputación de Ourense colaborará na construción dunha residencia para maiores no Concello de Laza, proxecto que se encontra na súa fase inicial e no que tamén participará a Xunta de Galicia. Así o comprometeu o presidente da Deputación, Manuel Baltar, durante a reunión que mantivo esta mañá no Pazo Provincial co alcalde de Laza, Ramón Barreal, un encontro no que se abordaron outras actuacións a realizar no municipio en materia de infraestruturas e dotacións para os veciños.

En concreto, Manuel Baltar adiantoulle ao rexedor a colaboración da Deputación na última fase das obras de saneamento no núcleo de Cimadevila, así como no arranxo de varias rúas e vías de titularidade municipal. O goberno local tamén contará con axuda para os parques infantís que se están a construír en Toural e Rúa, en resposta á demanda veciñal.

Ao remate da reunión Ramón Barreal expresou o seu agradecemento pola “receptividade que sempre amosa o presidente” á hora de transmitirlle as inquedanzas dos alcaldes como representantes da veciñanza.