Baltar agradeceu “a perfecta sintonía” e a “confluencia de intereses comúns entre Deputación de Ourense e CEG para levar a cabo proxectos que redunden en beneficios sociais e económicos para Ourense”, mentres que Juan Manuel Vieites puxo en valor a alianza co goberno provincial ourensán para levar a cabo “unha planificación estratéxica que aborde o desenvolvemento industrial e retos como dixitalización, envellecemento activo, incremento da produtividade ou reindustrialización”.
O presidente do goberno provincial felicitou a Vieites por este tempo que leva á fronte da patronal galega “dotándoa de estabilidade, rigor e prestixio, sendo ademais un colaborador da Deputación de Ourense en proxectos estratéxicos como o Centro Galego de Innovación da FP, avaliando que se chegara ao acordo que fai posible que, coa Xunta de Galicia, poñamos en marcha esa infraestrutura de vangarda na formación en Galicia e no norte de Portugal”. Manuel Baltar lembrou tamén, nesta liña de cooperación, que a CEO “estivo desde o minuto un no Comité do Día Despois para afrontar a recuperación económica e social”, e destacou que na reunión de hoxe se falou de novos proxectos e alianzas cara aos vindeiros meses en sectores clave como o termalismo ou o turismo nunha provincia como a de Ourense, que ocupa a capitalidade da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal”. Baltar cualificou a José Manuel Vieites como “experto coñecedor do territorio ourensán” e reafirmou a “máxima colaboración” por parte do goberno provincial coa CEG.
Recuperación económica
Pola súa banda, Vieites trasladoulle ao presidente Baltar as propostas da patronal ao redor da recuperación económica, e apelou ás necesidades dos sectores de maior importancia para a provincia, como a construción “para o desenvolvemento do cal son precisas medidas que promovan e reforcen o papel do sector como xerador de emprego e riqueza, impulsando a rehabilitación, axilizando a tramitación das licenzas administrativas, impulsando a renovación e rehabilitación nos edificios e dinamizando a obra pública a prezos de mercado”. Tamén abordou a industria da pedra natural –fundamental en Valdeorras-, da que dixo “debe ser apoiada e promovida tanto na súa modernización e potenciación como na súa promoción e comercialización”.
No que respecta ao sector forestal e agrogandeiro –incluíndo aceite, carne, castaña ou viño- Vieites destacou que Ourense “necesita dun plan de desenvolvemento que contribúa a un maior e mellor aproveitamento da súa capacidade produtiva e de xeración de valor”, expresando que no que respecta á industria do turismo, “é preciso impulsar desde todas as instancias a súa posta en valor e promoción ao redor do termalismo, o patrimonio natural e cultural da Ribeira Sacra e a súa posta en valor asociada á candidatura como Patrimonio da Humanidade pola Unesco, ou o Camiño de Santiago ao seu paso polo territorio ourensán”.
Infraestruturas de transporte
En clave galega, o presidente da CEG dixo que Galicia “debe conseguir un plan no que se integren as infraestruturas de transporte pendentes, como elemento crave de competitividade da nosa comunidade autónoma”. Neste sentido, “Ourense precisa a finalización das de acceso á comunidade por ferrocarril e de vertebración co resto de Galicia, atraendo así investimentos produtivos e poboación”. Entro outras, Vieites defende que a construción da nova terminal de ferrocarril para as mercadorías no Polígono de San Cibrao -o de maior superficie de Galicia-, así como a renovación e dotación dos seus equipamentos, debe ser unha prioridade para defender; tamén a terminación do AVE a Galicia coa execución do último tramo entre Taboadela e Ourense; ou a aprobación do PXOM de Ourense.
Dixitalización do medio rural
Por outra banda, destacou a necesidade de facer unha aposta decidida pola dixitalización do medio rural, garantindo o acceso á telefonía e Internet de alta velocidade en todo o territorio, para facilitar o desenvolvemento en calquera punto de actividades empresariais viables. Segundo o presidente da organización empresarial galega “o coronavirus promoveu o traballo e a volta ás vivendas no rural, e para que poidan realizarse e propiciarse ambos os extremos nunha provincia como Ourense, é necesario que todo o territorio estea conectado por banda ancha e a velocidade adecuada”.
O apoio á internacionalización das empresas galegas; a promoción dun maior nivel de investimento público e privado en I+D+i; a aposta por un modelo que reduza e simplifique a fiscalidade, ou a promoción da cultura emprendedora e a aposta pola xeración de novas empresas como elementos crave para o desenvolvemento económico e social de Galicia, foron outros dos asuntos abordados durante o encontro.
Reunión coa Xunta Directiva da CEO
Tras visitar o Pazo Provincial, Juan Manuel Vieites, que acudiu esta mañá por primeira vez á Confederación Empresarial de Ourense desde que fose elixido presidente, mantivo un encontro cos membros da súa Xunta Directiva co fin de tratar temas de interese para o colectivo empresarial, así como as distintas xestións e accións que a CEG está a levar a cabo no seu papel intermediario cos poderes públicos. Igualmente, os empresarios abordaron co presidente da patronal galega temas de interese para a provincia, así como de ámbito galego, co fin de pulsar a situación actual dos mesmos.