Fondos Europeos

Constituída a comisión para a xestión e execución dos fondos Next Generation

Manuel Baltar afirma que este órgano de control supón “un paso máis nesa liña de integridade institucional, de transparencia e goberno aberto que lideramos a nivel nacional e que nos fai ser unha administración de referencia”

Óscar Gómez

Ourense | 30.05.2022 08:09

Constituída a comisión para a xestión e execución dos fondos Next Generation
Constituída a comisión para a xestión e execución dos fondos Next Generation | onda cero

A Deputación de Ourense procedeu á constitución da comisión técnica que se encargará de velar polo cumprimento do plan de medidas antifraude para a xestión e execución dos fondos Next Generation. “Un paso máis nesa liña de integridade institucional, de transparencia e goberno aberto que lideramos a nivel nacional e que nos fai ser unha administración de referencia”, afirmou Manuel Baltar tralo remate da primeira reunión deste órgano de control.

A comisión está presidida polo propio titular da Deputación, que participará con voz pero sen voto “o que supón un plus de imparcialidade e unha garantía máis para o carácter técnico que debe ter este órgano, ademais de trasladar á veciñanza de Ourense que conta cunha administración fiable, seria e rigorosa”, subliñou Manuel Baltar. Os técnicos que participarán nesta comisión son o secretario xeral, Juan Marquina; a interventora Mónica Legaspi; o tesoureiro Miguel Ángel López; o xefe do servizo de Investimentos e Patrimonio, Javier Martínez; e o xefe do gabinete da Presidencia, José Ángel Sampayo.

O presidente do goberno provincial destaca que “está demostrada rigorosidade da Deputación de Ourense na xestión dos fondos europeos xa aprobados” -como o Plan de Sostenibilidade Turística en Destino (PSTD) “Ourense Termal” ou o proxecto de dixitalización e sostenibilidade do comercio rural “CROu”-, “e os que están por vir”, engadiu lembrando as candidaturas presentadas para, por exemplo, o PSTD de enogastronomía “EnOUturismo”. “Algo que ten tamén a súa relevancia nos órganos de ámbito europeo que presidimos e no traballo en rede que vimos poñendo en práctica desde hai anos con resultados visibles”, recalca Manuel Baltar.

Plan aprobado no pleno de marzo

Entre as competencias da comisión, que volverá a reunirse no terceiro trimestre do ano, figura “a avaliación periódica dos riscos de fraude nos procesos clave de execución dos fondos, garantindo o bo funcionamento dos controis internos establecidos”, segundo reflicte o plan de medidas antifraude aprobado pola Deputación no pleno de marzo. Entre as súas funcións tamén está a coordinación e concreción da política antifraude, mesmo formulando propostas para a modificación ou mellora do citado plan.

Este órgano de control tamén terá atribucións en materia formativa e de sensibilización, en tanto que poderá propoñer iniciativas “en materia de integridade institucional e ética” dirixidas ao persoal público. Ademais de examinar e responder a posibles reclamacións, os membros da comisión rexistrarán todos os controis realizados, indicando as medidas de prevención recomendadas, e deberán elaborar unha memoria anual na que se detallen as actividades desenvolvidas.

Establécese tamén a posibilidade de contar cunha unidade de apoio integrada por persoas directoras, coordinadoras o responsables de áreas para canalizar e seleccionar toda a información, decidir o uso de ferramentas informáticas e a dotación de medios e recursos para a xestión de proxectos e actuacións financiados polo Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia.

Medidas de control no marco do plan de recuperación

O plan de medidas antifraude da Deputación de Ourense e dos seus organismos dependentes e adscritos é un trámite establecido pola Unión Europa para que as administracións públicas adopten procedementos de control no marco do plan de recuperación.

Mediante este documento establécense os principios e as normas que se aplicarán en materia antifraude, anticorrupción e co fin de evitar os conflitos de intereses, en relación cos fondos provenientes do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia. O seu contido xa reflicte medidas adoptadas con anterioridade polo goberno provincial, como o control financeiro desde a área de Intervención e a observación de ausencia de conflito de intereses desde o departamento de Contratación. A aprobación deste plan supón un punto de inflexión como modelo de referencia a adoptar de forma estable na xestión dos restantes recursos públicos asignados á Deputación.