Ourense Provincia

Conde resalta en Ourense o necesario labor do tecido empresarial

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou no acto do 45 aniversario da Confederación Empresarial de Ourense.

Óscar Gómez

Ourense | 16.12.2022 07:49

Conde resalta en Ourense o necesario labor do tecido empresarial
Conde resalta en Ourense o necesario labor do tecido empresarial | onda cero

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, resaltou no acto do 45 aniversario da Confederación Empresarial de Ourense (CEO) o necesario labor de acompañamento ao tecido empresarial para mirar ao futuro con confianza e optimismo. Conde destacou o papel da Confederación Empresarial de Ourense como propulsora do desenvolvemento económico e empresarial da provincia, agradecendo a súa predisposición a colaborar coa Administración autonómica en diferentes iniciativas en beneficio das empresas ourensás, entre as que está o programa Conecta Ourense.

Na súa intervención, o responsable de Economía, Industria e Innovación do Goberno galego avogou por dar apoio financeiro ás empresas para reforzar a súa liquidez e solvencia. A este obxectivo destinaranse 140 millóns de euros nos presupostos da Xunta de Galicia para o vindeiro ano, que tamén recollen 40 millóns de euros para que as pequenas empresas rompan o teito de cristal da innovación.

Conde destacou tamén a firme aposta que está facendo Galicia por vincular o desenvolvemento das enerxías renovables aos grandes proxectos industriais que a Comunidade ten en carteira, para impulsar a economía verde e circular e para garantir a cobertura das súas demandas enerxéticas. Tamén resaltou o apoio á implantación de renovables para favorecer o aforro e a eficiencia na subministración eléctrica. Entre as prioridades da Administración autonómica, tal e como apuntou o vicepresidente primeiro, está así mesmo velar por que as pemes teñan un lugar prioritario na asignación dos fondos europeos, e aliviarlles a carga burocrática na tramitación de novos proxectos, como se ten feito coa Lei de simplificación administrativa.

Intervención de Manuel Baltar na gala da CEO
Intervención de Manuel Baltar na gala da CEO | onda cero

Manuel Baltar: “Grazas á CEO por crer en Ourense e, sobre todo, por crear en Ourense”

Manuel Baltar resaltou a importancia da “cooperación e a colaboración” como alicerces para seguir impulsando Ourense, a través de proxectos como o Centro Galego de Innovación da FP “Eduardo Barreiros” -cofinanciado pola Deputación e a Xunta- ou a sinatura, onte mesmo, da constitución da AECT na Raia Seca e o Gerês-Xurés, un instrumento de colaboración transfronteiriza liderado na parte ourensá polo goberno provincial.

Nesta liña de traballo, Manuel Baltar destacou a “estreita relación” entre a Deputación e a CEO -“da que somos aliados ao igual que de todas as entidades representativas do territorio”- lembrando as liñas de cooperación abertas entre a administración provincial e a entidade, “un actor absolutamente vital na representación do tecido empresarial ourensán e no fomento da súa competitividade”.

“Onte, hoxe e sempre, coa CEO”, sinalou o presidente da Deputación, que quixo recoñecer na súa intervención o “traballo e esforzo diario” das entidades empresariais presentes no acto de hoxe: “Aquí hai moito futuro, moita traxectoria e moito compromiso coa terra. Grazas á CEO, e a todos, por crer en Ourense e, sobre todo, por crear en Ourense”.