O Concello de Ourense, a través da Concellería de Medio Ambiente, asina un protocolo de colaboración coa Comunidade de Propietarios do Centro Comercial Ponte Vella para a posta en valor dos espazos das terrazas localizadas na parte superior do centro comercial.
O concelleiro de Medio Ambiente, Jorge Pumar destaca a importancia deste acordo público-privado, onde ambas entidades comprométense a traballar xuntas para que máis de 11.000 metros cadrados nun espazo verde da cidade único e privilexiado esté ao servizo da veciñanza. O acordo asinado ten como obxectivo a posta en valor dun recurso público único pola súa localización e visión panorámica da cidade e do curso do río Miño.
O presidente do Centro Comercial Ponte Vella, Jorge Bermello, felicita por esta iniciativa ao edil de Medio Ambiente, Jorge Pumar, “xa que con esta alianza a cidade porá en valor un recurso que é de todos e para todos. Unha alianza que potenciará o comercio local e a riqueza natural de Ourense”.
Os traballos acordados incluirán tanto o desenvolvemento de inversións de equipamento para a mellora do ocio da cidade, como o desenvolvemento de accións para o fomento da conciliación da vida comercial e familiar neste espazo no corazón da cidade e das ribeiras do río.
O centro comercial Ponte Vella, nos seus 20 anos de existencia, consolidouse como un referente comercial tanto na cidade como na provincia de Ourense. Un centro creador de máis de 600 empregos directos e a suma da súa variada oferta comercial convértese nun polo tractor de visitantes á cidade.
A relación colaborativa entre Concello e Ponte Vella xa ven de antigo, xa que ambos organismos contan cun convenio en vigor onde os integrantes do centro comercial asumiron desde o primeiro día de apertura o mantemento e xardineira das devanditas terrazas.
Neste marco de colaboración, Jorge Pumar anuncia que a primeira actuación a desenvolver por parte da concellería que dirixe é a instalación dun parque infantil nestes terreos. Con este investimento, o Concello busca dinamizar tal espazo público como un elemento de conciliación familiar e comercial para a cidade.
Ademais de investimentos, a Concellería de Medio Ambiente e Ponte Vella planifican actuacións de ocio familiar para a dinamización de dito espazo céntrico, e para converter ditas terrazas nun recurso turístico, paisaxístico e de ocio para familias e visitantes de Ourense.
Pumar asevera que esta iniciativa colaborativa permitirá dar un novo paso para que a cidade viva de cara o Miño, o noso gran valor ambiental e hídrico.