Concello de ourense

O Concello de Ourense convida a participar na acción “EXXperimenta en Feminino”

De 11:30 a 17h, a rúa do Paseo acollerá a V Xornada de Divulgación en Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas polo Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia.

Óscar Gómez

Ourense | 08.02.2022 17:28

O Concello de Ourense convida a participar na acción “EXXperimenta en Feminino”
O Concello de Ourense convida a participar na acción “EXXperimenta en Feminino” | onda cero

Este venres, 11 de febreiro, conmemórase o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. “Unha data que nos parece clave na nosa aposta diaria pola igualdade, conxúgase tamén a importancia de divulgar en Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas, sobre todo desde a infancia. Porque non podemos esquecer que as grandes investigadoras, científicas e expertas do mañá son as nenas de hoxe”, sinalou a concelleira de Igualdade, Eugenia Díaz Abella, quen recalcou que tomando estas premisas como referencia, desde a Concellería de Igualdade de Ourense “apostamos pola cooperación e colaboración activa con quen máis ten que dicir acerca da divulgación científica: a Universidade de Vigo”.

E así, o froito desta colaboración conxunta é a 5ª Xornada de Divulgación en Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas, “EXXperimenta en Feminino”, con motivo do 11 de febreiro, Día Internacional da Muller e e Nena na Ciencia. Así, a rúa do Paseo acollerá este venres unha feira moi especial, onde expertas do Campus de Ourense divulgarán o seu saber en materias tan interesantes como microbioloxía, enxeñaría química, xeografía, química agrícola, física, nutrición, enxeñaría aeroespacial, enfermaría ou informática, entre outras moitas áreas do saber.

Estarán desde as 11:30 horas e ata as 5 da tarde, con actividades científicas para todas as idades, unha iniciativa aberta a colexios, familias e particulares que sen dúbida non deixará indiferente a ninguén. “Por iso, convidamos a todos a que participen e agradecémoslles a vostedes, aos medios de comunicación, que sirvan de altofalante para que ningunha nena ou ningún neno con interese na ciencia quede sen saber que poderá asistir a esta iniciativa”, dixo a concelleira de Igualdade, Eugenia Díaz Abella.

“Emocióname especialmente esta actividade, como muller, pola miña formación en ciencias e como concelleira de Igualdade, pois considero que o froito da colaboración entre o Concello e a Universidade de Vigo redundará sempre en beneficio de todas e todos. Por iso, confío en que sigamos unindo esforzos para emprender proxectos conxuntos que fagan que todas e todos poidamos sentirnos orgullosas. Así o estamos, moi orgullosas, na Concellería de Igualdade, por actividades como esta que axudan a poñer en valor e visibilizar o traballo das mulleres nun campo, o da Ciencia, que hai non demasiado tempo era un escenario eminentemente masculino. Non foi un camiño fácil, como nunca o é cando se fala de avanzar en Igualdade, pero agora a nosa obrigación como Concello é continuar despexando esa senda e apoiar toda canta iniciativa así o propicie. Así o facemos e así o seguiremos facendo”, proclamou Eugenia Díaz Abella.

Na presentación desta actividade divulgativa participaron tamén as profesoras da Universidade de Vigo Alma Gómez, Nieves Lorenzo e Julia Carballo.