O Concello de Ourense abre o prazo para anotarse no programa de actividades de lecer infantil do Espazo Coeduca, destinado a rapaces e rapazas de 6 a 12 anos, e que terá lugar os días 3, 4, 5 e 10 de abril en horario de 9:00 a 14:00 horas. Iniciativa da Concellería de Igualdade, este progrma “responde ás demandas das usuarias do CIMM”, explicou Malena de Jesús, directora do CIMM, “a maioría de familias monomarentais”.
Emprégase “unha metodoloxía lúdica”, segundo explicou a experta Sonia Fernández, da asociación Afouta -encargada de desenvolver o Espazo Coeduca-, fomentando actividades educativas baseadas na equidade, igualdade e liberdade, así como na convivencia coa diversidade. “A infancia é o futuro”, dixo Fernández Bertólez, “e o mundo que lles deixamos aos mozos e mozas hoxe é o que poderán construír no futuro”.
As familias interesadas poderán anotarse en horario de 9.30 a 13:30 e de 16.00 a 20.00 horas nas dependencias da Concellería de Igualdade (rúa do ensino 24) ou a través da ficha de inscrición online á que se accede polo QR do cartel. A adxudicación das prazas farase por rigorosa orde de inscrición. Máis información no teléfono 623.169.421.
Espazo Coeduca. Trátase dun programa de lecer infantil para axudar a conciliar os tempos laborais e de lecer das familias, e está subvencionado polo Ministerio de Igualdade - Pacto de Estado. O Espazo Coeduca é un lugar de referencia para desenvolver programas socio-educativos que permitan conciliar os tempos laborais, familiares e persoais das ourensás e os ourensáns, como unha medida compensatoria do II Plan para a Promoción da Equidade de Xénero do Concello de Ourense. O Espazo conta cunha ampla sala dotada de xoguetes, películas, contos, libros e xogos educativos e material didáctico para nenas e nenos, coidadosamente seleccionados de cara a garantir un correcto tratamento non sexista dos seus contidos e usos.