Ourense Cidade

O Concello organiza “o mellor Halloween de Galicia”

Trescentos actores e actrices ambientarán a festa, que inclúe desfiles, performances, espectáculos de animación e un concerto de Mago de Oz.

Óscar Gómez

Ourense | 18.10.2022 07:56

O Concello organiza “o mellor Halloween de Galicia”
O Concello organiza “o mellor Halloween de Galicia” | onda cero

O Concello de Ourense aposta un ano máis pola celebración do Halloween como grande evento festivo cun amplo programa de actividades de animación que converterán o centro histórico de Ourense nunha “pasaxe de terror”. Trescentos actores e actrices ambientarán a festa, que inclúe un amplo programa de propostas, que se estenderán desde media tarde até altas horas da madrugada. O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, presentou esta mañá a programación da festa: “o mellor Halloween de Galicia e un dos mellores de toda España”, asegurou.

O Concello reforza este ano a programación do Halloween, que incluirá, este 31 de outubro, actividades como a escenificación do Día de mortos de México, espectáculos de animación a cargo de Pablo Méndez, Chaioso de medo, animación de Queiman e Pousa ou “Morreu a Isabeliña”, os desfiles de cabazas, do Día de Mortos e da Santa Compaña, animación musical de DJ na Praza Maior e un gran concerto co grupo Mago de Oz, na rúa do Progreso. O programa complétase cunha exposición fotográfica na Sala Valente a partir do 31 de outubro e a exposición “Mexicráneo”, no Paseo, desde o 27.

O alcalde lembrou a aposta decidida do goberno municipal por esta celebración que “empezamos a potenciar en 2019, con moito éxito” e que, logo do parón ocasionado pola pandemia da COVID-19, volveu en 2021 “con máis éxito aínda”. Pérez Jácome espera para este 2022 “a explosión total”, do Halloween. Será ademais, “unha antesala do Entroido, que son as nosas festas maiores. Temos que ser os mellores de Galicia”, dixo, nas dúas celebracións.

A festa, tivo como lema en 2021 “Ourense mete medo”. Nesta ocasión, será “Non esperes a morrer para coñecer o inferno, ven a Ourense o 31 de outubro”.

O alcalde estivo acompañado na presentación por Emiliano Rodríguez, en representación da festa Chaioso de medo, que cada verán se desenvolve con grande éxito no Concello de Maceda. Serán tamén protagonistas de espectáculos de animación no Halloween de Ourense 2022. “Esperamos que a xente desfrute paseando polas rúas do centro histórico, sobre todo na Praza Maior. Queremos trasladar aquí o que se poida do que facemos todos os anos o verán en Maceda. A xente que participamos non somos profesionais pero entregámonos en corpo e alma a facer que todos o que nos rodean o pase ben, que desfruten e, se é posible, leven un susto, que é do que se trata”, asegurou.