Ourense Cidade

O Concello inicia a campaña de agasallo de libros

O Concello dálle continuidade á campaña de fomento da lectura, que chegou a máis de 8.400 rapaces e rapazas o ano pasado

Óscar Gómez

Ourense | 22.06.2021 11:26

O Concello inicia a campaña anual de fomento da lectura
O Concello inicia a campaña anual de fomento da lectura | La voz de galicia

O Concello de Ourense iniciará mañá, mércores, 23 de xuño, a campaña “Un libro desconfina a túa imaxinación”, coa que agasallará cun libro aos nenos e as nenas da cidade para premialos polo seu esforzo durante o curso escolar, fomentar a lectura e apoiar o comercio local. A campaña esta dirixida a nenos e mozos nacidos no ano 2003 en adiante e empadroados no Concello de Ourense, que recibirán un libro á súa escolla nas librarías da cidade.

As adquisicións de libros realizaranse dende o 23 de xuño de 2021 ata o 14 de agosto de 2021. Para estes efectos, as persoas interesadas deberán realizar antes unha solicitude a través da páxina web libros.concellodeourense.es. Unha vez cubertos os datos requiridos recibirán por correo electrónico un bono que deberán presentar, xunto co NIF, no establecemento comercial para intercambialo polo exemplar que escollan.

Os libros poderán adquirirse en calquera das 38 librarías da cidade que se adheriron á campaña, cuxos nomes se poden consultar tamén na web. Será un exemplar á escolla do neno e ou nena, por importe de até 20 euros -se supera esa cifra, a diferenza deberá ser achegada pola persoa interesada.

O Concello dálle continuidade así á campaña realizada de forma pioneira o pasado verán, coa que máis de 8.470 nenos e nenas recibiron este agasallo como premio aos seu esforzo durante o confinamento e ao longo do curso escolar. A campaña contou coa participación de 35 librarías e papelarías da cidade, cifra que aumenta até 38 na edición de 2021.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome asegura que “estamos moi orgullosos desta campaña, que chegou o ano pasado a 8.400 nenos da cidade, e que este ano repetimos”. Subliña o rexedor que “é unha campaña pioneira en España porque ningún concello ofrece a posibilidade de que cada cal escolla o libro que lle guste e na libraría da cidade que considere. É unha gran campaña na que se afecciona un á lectura e coa que sabemos que moita xente repite ao longo do ano”.