O Concello de Ourense conta, desde hoxe, con seis novas traballadoras sociais para o traballo de orientación, información e xestión ao servizo da cidadanía. Cinco delas están asignadas ás diferentes Unidades Interdisciplinares de Intervención Social (UNIS) municipais, e a outra encargarase de potenciar o programa de Inclusión social.
O concelleiro de Recursos Humanos, Armando Ojea, afirma que “o obxectivo é desbloquear as listas de espera e reforzar as estruturas administrativas e técnicas deste servizo”. As UNIS encárganse do estudo e diagnose social para detectar as necesidades e demandas de grupos de poboación vulnerables.
O seu labor é o de atender situacións individuais e valorar os casos antes de derivalos ao recurso idóneo dentro do sistema de servizos sociais ou a outros sistemas de benestar. Tamén axudan na xestión das prestacións económicas, na xestión do servizo de axuda no fogar e no fomento da participación activa da cidadanía mediante estratexias socioeducativas.
O Concello ten catro unidades repartidas pola cidade: a UNIS do Centro Histórico, no Centro Cívico Colón, a UNIS Centro, na rúa de Bernanrdo Glez. Cachamuíña, a UNIS A Ponte, en Eulogio Franqueira, e a UNIS O Couto, en Francisco de Moure.