Ourense Provincia

Colaboración coa Asociación de Personas Sordas

Manuel Baltar enmarca este convenio “na nosa aposta pola igualdade de oportunidades e dereitos en cada un dos concellos da provincia”

Óscar Gómez

Ourense | 31.10.2022 08:57

Colaboración coa Asociación de Personas Sordas
Colaboración coa Asociación de Personas Sordas | onda cero

A Deputación de Ourense reforzará a colaboración coa Asociación de Personas Sordas de Ourense (APSOU) para favorecer a accesibilidade das persoas xordas no rural en cuestións como o seu acceso aos servizos públicos e outras cuestións do día a día. Esta nova liña de cooperación ampliará a xa existente cunha entidade que, dende xaneiro de 2022, aporta en cada sesión plenaria provincial un intérprete de lingua de signos dentro da loita pola igualdade das persoas xordas, xordocegas ou con discapacidade auditiva.

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, reuniuse no Pazo Provincial co presidente de APSOU, Martín Luis Becerra, e a intérprete de lingua de signos Aranzazu Pérez, para abordar os detalles da ampliación da colaboración entre o goberno provincial e a asociación.

Manuel Baltar resalta a importancia da colaboración con APSOU, “unha entidade coa que xa estamos traballando e que agora estenderemos esta dinámica á toda a provincia, facilitando o acceso aos servizos públicos a través de cuestións tan esenciais como contar cun intérprete de lingua de signos”.

Manuel Baltar: “Co acordo estenderemos os servizos de asesoramento e axuda prestados por APSOU a toda a provincia, incidindo especialmente no rural”. “A través da proposta presentada por APSOU e que conta xa co apoio deste goberno provincial”, avanza o presidente da Deputación de Ourense, “estenderemos os servizos de asesoramento e axuda prestados por APSOU a toda a provincia, incidindo especialmente no rural”.

“Este novo convenio”, valora Manuel Baltar, “remarca a nosa aposta pola igualdade de oportunidades e dereitos en cada un dos concellos da provincia” a través da ampliación do soporte e axuda de APSOU, “para que as persoas xordas, xordocegas ou con discapacidade auditiva teñan a súa disposición un intérprete de lingua de signos para todas as xestións que necesiten”.

O presidente de APSOU encadra este acordo na necesidade de “seguir rompendo barreiras”

Dende APSOU, o seu presidente, Martín Luis Becerra, recalca que esta asociación “busca a accesibilidade de todas as persoas xordas da provincia, para o que é necesario seguir rompendo barreiras e acadar unha accesibilidade real”. “As persoas xordas queremos igualdade no acceso a todos os servizos e iso conséguese, entre outras cousas, coa figura dos e as intérpretes de lingua de signos”, destaca Martín Luis Becerra, que valora como obxectivo “acadar unha forma de colaboración continua coa Deputación de Ourense, ademais dos plenos do que estamos moi contentos que se fixeran accesibles, para unha vida autónoma e en igualdade coas persoas oíntes”.