Os centros cívicos do Concello de Ourense abren este luns, 14 de xuño, o prazo de inscrición das Actividades de Verán 2021 para nenos e nenas que nacesen do 01/ 01/ 2009 ao 31/ 12/ 2017, de 3 a 12 anos. A Concellería de Asuntos Sociais organiza un ano máis estas actividades co obxectivo básico de que os nenos e as nenas se divirtan, se relacionen e aprendan convivindo con máis rapaces e rapazas ao tempo que axudan as familias a conciliar a vida laboral e familiar no período de vacacións escolares.
As actividades desenvolverase nos meses de xullo, agosto e setembro -primeira semana- nos centros cívicos de Colón, A Cuña, A Ponte, As Termas e Seixalbo durante os meses de xullo, agosto e setembro de 2021. Serán de luns a venres e os horarios van de 9.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas. As quincenas dividiranse do seguinte xeito: do 1 ao 15 de xullo; do 16 ao 30 de xullo; do 2 ao 16 de agosto; do 17 ao 31 de agosto; e do 1 ao 08 de setembro.
Para inscribirse hai que cubrir a solicitude que se activará na páxina www.ssociaiscursos.com a partir das 9:00 horas do 14 de xuño de 2021. O prazo rematará o día18 de xuño ás 24:00 horas. Se algunha persoa precisase axuda coa inscrición pode dirixirse telefonicamente ao 988 393 107.
As actividades son gratuítas e para ter a posibilidade de acceder a elas o neno ou a nena deben estar empadroados no Concello de Ourense. O criterio de selección será o seguinte:
Todos os nenos e as nenas que cubran a solicitude en prazo deberán ter concedida algunha das quincenas de preferencia antes de que se poida desfrutar dunha segunda.
A admisión será por orde de entrada e orde de preferencia.
Se a inscrición se fai para máis dun centro, entenderase que o centro de preferencia é o primeiro no caso de que haxa prazas.
A Concellería de Asuntos Sociais poderá reservar o 20% das prazas ofertadas a persoas beneficiarias de programas sociais.
As quincenas dos centros que non acaden un número mínimo de solicitudes poden ser suspendidas.
A inscrición supón a aceptación e o estrito cumprimento do horario das actividades nas que se inscribiu. O feito de non cumprilo poderá supoñer a perda da praza.
A admisión nas quincenas comunicarase telefonicamente
Búscase fomentar a participación dos nenos e das nenas en actividades socio educativas, lúdicas e culturais que promovan a educación en igualdade e o coñecemento dos seus dereitos recoñecidos na Convención de dereitos da infancia. Trátase de promover que os menores se poidan converter en axentes de cambio social identificando a realidade do seu barrio e o seu entorno. Todo no marco das accións encamiñadas a dar cumprimento aos obxectivos do I Plan de Infancia e Adolescencia do Concello de Ourense.
Actividades de verán nos colexios da cidade
Estas non serán as únicas prazas que oferte o Concello para a conciliación da vida laboral e familiar. A maiores das do Espazo Coeduca, da Concellería de Igualdade, a vindeira semana abrirase o prazo de inscrición das actividades de verán organizadas pola Concellería de Educación nos colexios da cidade.