Ourense Cidade

O BNG propón dotar de ambulancias as zonas deficitarias para adaptalas ás necesidades da poboación

Montse Prado insistiu en dotar de ambulancias de SVA na provincia de Ourense, Lalín-Deza, Bergantiños, Baixo Miño, montaña de Lugo e as zonas afectadas por un servizo deficitario.

Óscar Gómez

Ourense | 11.11.2022 08:31

O BNG propón dotar de ambulancias as zonas deficitarias para adaptalas ás necesidades da poboación
O BNG propón dotar de ambulancias as zonas deficitarias para adaptalas ás necesidades da poboación | onda cero

A portavoz de sanidade do BNG, Montse Prado defendeu unha proposición non de lei co fin de acadar un acordo parlamentario para resolver as deficiencias no servizos de urxencias extrahospitalarias, aéreas e terrestres no sur de Galiza ao que sumou a urxencia de dotar de ambulancias nas zonas deficitarias para adaptalas ás necesidades da poboación e cumprir os tempos de resposta na asistencia. Neste sentido, incidiu en dotar de ambulancias de SVA na provincia de Ourense, Lalín-Deza, Barbanza, Bergantiños, Baixo Miño, ou a montaña de Lugo.

Na defensa da iniciativa, a nacionalista recalcou que resulta “imprescindible” que Galiza conte cunha rede de transporte sanitario terrestre de calidade, de aí que o BNG leve anos demando incrementar os vehículos, persoal e recursos para garantir unha “atención de calidade ás urxencias extrahospitalarias por seren un servizo vital na cadea asistencial”.

Prado explicou que a dotación de vehículos, persoal e tempo de resposta do servizo poden marcar a diferencia entre un desenlace positivo ou fatal. Diante dunha emerxencia o “factor tempo e eficiencia” é fundamental porque “nas paradas cardiorrespiratorias, ictus, politraumatismos... cada minuto de demora na atención agrava o prognóstico e a supervivencia”.

A diferencia do Partido popular que xustifica que non existan servizos de pediatría nalgúns países e por esa razón debemos asumir que nós tampouco debemos telos, dende o BNG consideramos que os galegos e galegas merecemos unha atención sanitaria de “calidade” en todas as súas vertentes.

Os tempos de resposta deste servizo poden significar “a vida ou a morte do paciente” así como a aparición de graves secuelas polo factor tempo como acontece coas paradas cardiorespiratorios ou os ictus.

Neste contexto, explicou a deputada, a CIG denunciou que o sábado día 1 de outubro pola tarde, até o día 4, martes, tamén pola tarde, e dicir, durante tres días, o helicóptero que cubre as urxencias sanitarias con base en Ourense estivo inoperativo. Iso significou que “a área sur de Galiza quedou sen posibilidade de transporte aéreo urxente medicalizado”.

Esta situación fixo que en todo o país tan só estivera operativo un único helicóptero con base en Santiago de Compostela, xa que Galiza tan só conta con dous helicópteros para atender as urxencias, un con base en Santiago de Compostela e outro en Ourense.

A causa alegada para a xustificar a inoperatividade do helicóptero foi unha revisión técnica en cumprimento dos requisitos legais establecidos nos pregos de contratación. Estamos polo tanto, incidiu a deputada, diante dunha actuación que tiña que ter sido programada, totalmente previsible.

“Non é aceptábel” reiterou que a empresa concesionaria do servizo, non tivera outra nave dispoñíbel para non deixar sen atención a metade do país, Ourense, parte da montaña de Lugo, zonas do interior de Pontevedra, o Baixo Miño...

Por outra banda, non é de recibo que o 061 tivera que solicitarlle á empresa concesionaria en Ourense do servizo de transporte sanitario urxente unha ambulancia SVA para “cubrir” a ausencia do helicóptero, cando está foi unha das melloras ofertadas pola empresa, e porque evidentemente non é unha alternativa ao servizo que presta o helicóptero, nin por tempos de resposta, nin ámbito xeográfico.

A falta deste helicóptero é especialmente grave, xa que conta cunha cobertura nunha zona moi deficitaria en canto a dotación de transporte sanitario urxente terrestre: toda a área sur de Galiza, Ourense, área Sur da provincia de Pontevedra e sueste de Lugo. Zonas afastadas dos hospitais e sen ambulancias de Soporte Vital Avanzado, só hai unha en toda a provincia de Ourense, ningunha ni no Baixo Miño nin nas zonas do interior da provincia de Pontevedra, nin na montaña de Lugo.

“Miles de galegas quedaron desprovistos e desprovistas dun servizo de transporte medicalizado rápido en caso dunha emerxencia e a sanidade pública ten que ser unha prioridade, e plasmala no orzamento” pero nos orzamentos 2023 non hai partidas para solucionar os déficits de transporte sanitario urxente, denunciou.

A proposición non de lei defendida pola deputada do BNG, Montse Prazo incluíu realizar un seguimento continuo e rigoroso do cumprimento dos contratos de transporte sanitario urxente, tanto aéreo como terrestre, abrir expediente á empresa Eliance, concesionaria do transporte sanitario urxente aéreo con base en Ourense, polo incumprimento das condicións establecidas no contrato de ter un helicóptero medicalizado os 365 días do ano, presentar no Parlamento Galego, no actual período de sesións, un informe detallado para realizar unha inspección xeralizada no transporte sanitario urxente, tanto aéreo como terrestre para comprobar o cumprimento dos contratos e dotar de ambulancias de SVA ás zonas deficitarias: provincia de Ourense, Lalín-Deza, Barbanza, Bergantiños, Baixo Miño, montaña de Lugo... de forma que se adapten ás necesidades poboacionais e de asistencia.

O Partido popular votou en contra da iniciativa nacionalista.