Deputación de Ourense

O BNG leva ao Parlamento galego a concesión de contrartos “a dedo” da Deputación de Ourense

Iago Tabarés, trasladará ó Pleno do Parlamento de Galiza deste martes 25 de abril a reiterada práctica de contratos de obra concedidos a dedo na Deputación Provincial de Ourense.

Óscar Gómez

Ourense | 24.04.2023 13:14

Deputacion de ourense
O BNG leva ao Parlamento galego a concesión de contrartos “a dedo” da Deputación de Ourense | onda cero

Con ocasión do debate e aprobación das recomendacións derivadas dos informes de fiscalización do Consello de Contas o BNG instará á Xunta de Galiza que, dentro do respecto á autonomía local e en exercicio das competencias que lle confire o Estatuto de Autonomía, se aplique na eliminación da discrecionalidade e arbitrariedade da Deputación Provincial de Ourense na adxudicación de subvencións nominativas e de contratos de obras “a dedo”. Este feito ten sido denunciado en reiteradas ocasións polo Voceiro provincial do BNG Bernardo Varela, desde que o Consello de Contas de Galiza no seu informe de fiscalización relativo ao exercicio 2018 xa reflexara que o 80% dos contratos de obras adxudicados era a través do procedemento excepcional de contratación menor, sen concorrencia, nin publicidade, recaendo o 70% destes en tan só 5 empresas.

O BNG ten constado que malia as recomendacións do Consello de Contas dese 2018 a Deputación Provincial de Ourense non mudou o seu proceder e A DEPUTACIÓN DE OURENSE CONTINUOU abusando da adxudicación de contratos a dedo tanto nos exercicios 2019, como no 2020 e no 2021 nos que máis do 60% das obras contratadas foron adxudicadas de xeito discrecional e sen concorrencia competitiva entre empresas, e non menos do 60% foron destes, adxudicacións ás mesmas 5 empresas. Unha das cales obtivo unha media anual de 1 millón de euros en contratos de obra adxudicados a dedo.

Un dato ilustrativo da utilización irregular deste sistema de contratación é o importe polo que se adxudican as obras. Xa se trate de da pavimentación dunha rúa, a mellora dun praza, a renovación do alumeado público ou a rehabilitación de equipamento municipal o importe do contrato é por 39.669,42€. Cifra que semella máxica á hora de cadrar os orzamentos. Asi no ano 2019, adxudicáronse 75 CONTRATOS por ese “curioso” importe. No 2020 foron 102 os contratos de obra adxudicados a dedo por ese mesmo importe, no 2021 foron 83 e no 2022 ascenderon a 85 contratados polo “curioso” importe de 39.669,42, a alguén sen dúbida lle quedou trabada a cifra.

Tanta reiteración no importe da adxudicación dos contratos, ao marxe da obra á que se refira, mais parece pensado en non sobrepasar o importe dos 40.000€ que o artigo 118.3 da Lei 9/2017 de 8 de novembro de contratos do sector público, establece como límite máximo para a contratación menor, que nunha eficiente xestión dos recursos públicos.

A utilización abusiva deste procedemento, sen publicidade nin concorrencia, impide que outras empresas poda presentar ofertas que melloren a obra ou que rebaixen o prezo, polo que este xeito que debería ser excepcional de contratar, vai en detrimento tanto do tecido empresarial, como dunha adecuada xestión dos recursos públicos.

Por iso o BNG insiste á Xunta de Galiza que non fique pasiva ante os flagrantes e reiterados incumprimentos da Deputación Provincial de Ourense que xa foron advertidos tanto polo Bng no pleno da Deputación de Ourense como polo propio Consello de Contas de Galiza, e que a fin provocan graves prexuízos para o sistema democrático e para unha adecuada xestión dos recursos públicos.