Ourense Cidade

O BNG insta ao PP a asinar canto antes a moción de censura

Para os nacionalistas xa non hai escusas polo que lle piden aos populares que asinen canto antes a moción de censura e permitan que goberne a lista máis votada tal e como leva reclamando o BNG desde o comezo

Óscar Gómez

Ourense | 20.04.2021 08:04

O BNG insta ao PP a asinar canto antes a moción de censura
O BNG insta ao PP a asinar canto antes a moción de censura | Onda Cero

Tralo anuncio feito público por parte do portavoz do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de que se bota a un lado, tal e como lle solicitaba o Partido Popular para propiciar a sinatura dunha moción de censura contra o actual rexedor Gonzalo P. Jácome, desde o BNG instan ao PP a que dita sinatura se produza canto antes.

Lembran os nacionalistas que xa no mes de setembro de 2020 e como consecuencia dunha moción presentada en pleno polo BNG no que se solicitaba a dimisión do alcalde e que gobernara a lista máis votada, 24 dos 27 membros da corporación votaron a favor.

Desde entón, tanto PP como PsdeG-PSOE limitáronse a por escusas e vetos cruzados sen pensar no conxunto da veciñanza. Meses nos que a parálise e o caos dentro do concello vai en aumento, cun alcalde ser proxecto de cidade e sen peso político. Desde o BNG recordan tamén o que levan repetindo ate a saciedade nos últimos meses, que o terceiro concello do país non se pode gobernar soamente con tres persoas.

Por todo o anterior, e á vista de que a condición que esgrimía o PP para non asinar a moción de censura e que se centraba na propia persoa de Rafael Rodríguez Villarino xa non é tal, trala renuncia desta mesma mañá, o BNG agarda a que asinen a moción de censura o antes posíbel xa que non hai escusa que xustifique o contrario.