Asamblea BNG

O BNG encara a súa XVII Asemblea Nacional co reto de culminar o cambio político

Segundo o responsable Comarcal Sarín Núñez "o BNG se marca como un dos obxectivos centrais agrandar a base social do nacionalismo para reforzar o BNG como alternativa política".

Óscar Gómez

Ourense | 19.10.2021 13:17

O BNG encara a súa XVII Asemblea Nacional co reto de culminar o cambio político
O BNG encara a súa XVII Asemblea Nacional co reto de culminar o cambio político | onda cero

O BNG encara a súa XVII Asemblea Nacional do vindeiro 07 de novembro no Coliseum da Coruña co reto de "pechar dunha etapa e o comezo dun novo ciclo, de reforzamento do proxecto nacionalista, que buscamos culminar coa consecución dun cambio político transformador na Galiza no 2024, co BNG na presidencia da Xunta".

Segundo Núñez, "Somos unha organización nacional, forte, presente e enraizada en todo o país, que está a vivir un proceso de medre organizativo nos últimos anos e que se marca como un dos obxectivos centrais agrandar a base social do nacionalismo para reforzar o BNG como alternativa política".

Tamén salientou que a Asemblea Nacional do BNG "é un proceso democrático e participativo sen comparación con ningún outro de ningunha forza política, e no que a militancia decide activamente a liña política e a dirección da organización para os vindeiros anos, localidade a localidade, comarca a comarca".

O responsable comarcal do BNG en Ourense quixo pór de manifesto que ademais, "é importante vincular o proceso tamén coa comarca, aproveitando para pór en valor, o alto número de novos militantes da comarca que van participar por vez primeira na Asemblea Nacional, o concorrida e participativa que foi ou vai ser a asemblea e o proceso de debate dos textos na comarca entre outros".

Situación termal

Rematada a intervención de Sarín Núñez e a petición dos medios presentes na rolda de prensa, o portavoz nacionalista no Concello de Ourense Luis Seara, avaliou a situación actual das instalacións termais da cidade e as últimas polémicas xurdidas en torno as máis que evidentes discrepancias entre Jácome e o seu socio de goberno, o PP. NOTA DE PRENSA

Seara quixo deixar claro que "o BNG foi a única forza política que presentou no momento da tramitación da lei no Parlamento galego unha emenda á totalidade ao considerar que era unha lei lesiva para o noso modelo termal tal e como está deseñado".

Luis Seara afirma que "o PP daquelas, non dixo absolutamente nada, é máis, non admitiu ningunha das propostas formuladas pola oposición e pechouse en banda dicindo que era necesaria e que supuña a panacea para o modelo termal de Ourense".

O portavoz municipal lembrou que ao longo deste mandato, "o BNG xa se referiu a esta cuestión no concello en varias ocasións tanto a través de mocións e de preguntas en xunta de área e acusóusenos de ir en contra dos intereses de Ourense", e engade, "resulta que onde a lei era infalible e onde non se podía facer absolutamente nada, agora resulta que hai recobecos legais polo que benvidos á realidade".

Por último Seara lamentou o tempo perdido ao longo destes meses nos que os centos de visitantes recibidos o que atoparon foron "termas pechadas, e sen visos de que se poidan abrir en breve. O que queremos é que se abran con todas as garantías, por suposto e que se faga canto antes".

"Os únicos responsables desta situación son Jácome e o PP, o PP e Jácome, que son as dúas caras dunha mesma moeda".