Ourense Cidade

O BNG cuestiona as modificacións introducidas por Jácome no PXOM

Para os nacionalistas resulta chamativo que o alcalde asuma todos e cada un dos que no pasado consideraba “pelotazos do PP”

Óscar Gómez

Ourense | 20.10.2022 07:44

luis seara
luis seara | onda ceor

Na Xunta de Área de Urbanismo, o Goberno Local, por fin, facilitou a documentación relativa ás modificacións introducidas no PXOM actualmente en trámite por parte do actual rexedor do concello Gonzalo Pérez Jácome. Da análise feita de dita documentación, o Grupo municipal do BNG asegura que o que máis chama a atención é que “Jácome asume os que outrora consideraba pelotazos e corruptelas do PP”. O Portavoz municipal e candidato á alcaldía Luís Seara lembra que “no seu día Democracia Ourensana considerou este documento como corrupción pura do PP chegando a presentar un recurso contra as mesmas e sen embargo agora non cuestiona ningunha das modificacións introducidas no mandato anterior por parte dos populares”.

No BNG botan en falta “o documento económico que avale ou cando menos cuantifique o custe que as modificacións previstas van ter para as arcas municipais, o alcalde teralle que explicar á veciñanza dito impacto económico”. Outra das modificacións cuestionadas polos nacionalistas ten que ver coa construción dun rañaceos na finca Santamariña, convertíndoa nunha zona de especulación urbanística. Luís Seara lamenta que o alcalde “continúe encornado nun proxecto faraónico e de dubidosa viabilidade”. Tamén lembran que “de levarse adiante esta modificación, estarase hipotecando o desenvolvemento dunha das grandes zonas verdes previstas, e mesmo defendida polo alcalde no pasado, e tan necesaria para o concello no seu conxunto”.

Por último, no BNG lamentan que por mor da súa obsesión polo parque acuático termal, o alcalde bote ao lixo o proxecto, aprobado por unanimidade no seu día, de desenvolvemento do proxecto do bulevar termal e que está chamado a ser o buque insignia do termalismo en Ourense.