Ourense Provincia

O BNG critica a falta de investimentos para o Castelo de Monterrei comprometidos por Rueda

Diego Lourenzo lembra que o presidente comprometeu a inclusión da Fortaleza no Plan Next Generation con 30M€ de fondos europeos.

Óscar Gómez

Ourense | 31.10.2023 08:01

O BNG critica a falta de investimentos para o Castelo de Monterrei prometidos por Rueda
O BNG critica a falta de investimentos para o Castelo de Monterrei prometidos por Rueda | onda cero

O deputado do BNG, Diego Lourenzo Moura leva ao Parlamento galego a falta de execución dos investimentos anunciados polo presidente Rueda, no ano 2022 para a súa licitación licitadas a inicios do ano 23 co fin de recuperar dous edificios do Cuartel de Infantería e actuacións nas Prazas do Mercado e de Armas, co fin de poñer en valor os seus usos turísticos.

O nacionalista explica na iniciativa que o pasado 13 de decembro de 2022, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, no transcurso dunha visita á fortaleza de Monterrei, anunciaba a súa inclusión no Plan Xacobeo Next Generation, dotado con máis de 30 millóns de fondos europeos. A dotación de investimentos incluía actuacións sobre unha ducia de Bens de Interese Cultural. Naquela ocasión, engade o deputado do BNG, o Presidente anunciou a intención do goberno galego de licitar as obras a inicios do ano 2023 para logo levar a cabo un traballo dividido en dúas fases; unha primeira, coa recuperación dos edificios do Cuartel de Infantería, o antigo Concello e o Colexio de San Xoán; e a segunda, con actuacións adicionais na Praza do Mercado e na Praza de Armas para poñer en valor os seus usos turísticos.

Ante o incumprimento do compromiso do titular do goberno galego, o deputado do BNG considera que o goberno debe explicar en que momento se atopa a execución dos 14 M€ do Plan Xacobeo Next Generation destinados ao Castelo de Monterrei, cales serán os primeiros elementos que serán executados, e a que edificios están destinados. O deputado do BNG tamén se interesa por coñecer o cronograma e estados das licitacións e se será aplicado algún mecanismo de control.

Castelo de Monterrei a fortaleza máis grande e mellor conservada de Galiza

Diego Lourenzo asegura que o Castelo de Monterrei é “a fortaleza máis grande e mellor conservada de Galiza” e ao seu xuízo, “a historia da acrópole dá boa mostra do seu valor e riquezas na comarca de Verín”. O Castelo, do século XII ocupaba xa o vello castro prerromano de Baroncelli, amplamente estudado polo ilustre verinense D. Xesús Taboada Chivite. Entre os seus fitos históricos está a impresión do primeiro libro publicado en Galiza en febreiro de 1494, o “Missale Auriense”, “un incunable estampado coa primeira imprenta de tipos móbiles que hoxe se conserva na catedral de Ourense”.

O Castelo de Monterrei tamén foi declarado Monumentodo Estado en 1931 e actualmente “Ben de Interese Cultural” e incluído no catálogo de Monumentos do Patrimonio Histórico do Estado. Por outra banda, o deputado nacionalista lembra que o castelo foi protagonista de intensas reivindicacións por parte da veciñanza da comarca a través da Plataforma Cidadá en Defensa do Castelo de Monterrei que reclamaba o uso público do castelo após un investimento público importante e que foi cedido a Paradores para a súa explotación hoteleira durante 75 anos.

Ademais, afirma Diego Lourenzo, é un ben publico pertencente ao Estado cedido á Xunta de Galiza, coas condicións de uso público, cesión previa á “manobra feita polo Goberno do Estado ampliando os usos a hostaleiro con posterioridade ao comezo das obras e das reivindicacións veciñais e deixando en papel mollado as condicións anteriores de uso público de restauración, conservación e visitas culturais”.

“A suma de despropósitos acontecidos con posterioridade a 2014 no relativo a usos, fondos, etc constitúe un dos maiores despropósitos da xestión do PP na Xunta de Galiza coa Comarca de Verín”, concluíu.