Ourense Provincia

Baltar visita o complexo arqueolóxico Aquis Querquennis

Manuel Baltar avanzou a “máxima implicación” da Deputación con Aquis Querquennis e gabou a figura de Rodríguez Colmenero: “É o verdadeiro propulsor desta iniciativa cultural e da continuidade das escavacións”

Óscar Gómez

Ourense | 10.11.2022 08:17

Baltar visita o complexo arqueolóxico Aquis Querquennis
Baltar visita o complexo arqueolóxico Aquis Querquennis | onda cero

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, visitou o complexo arqueolóxico Aquis Querquennis, escavación situada ás beiras do encoro das Conchas, en Bande, que conta co respaldo do goberno provincial. Unha liña de colaboración reforzada este mesmo ano, cunha achega para sufragar parte dos custos da tempada de escavacións do complexo militar romano que tamén abrangue o cofinanciamento dos gastos de funcionamento da Fundación Aquae Querquennae-Vía Nova.

Manuel Baltar estivo acompañado na súa visita desta mañá pola alcaldesa de Bande, Sandra Quintas; o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), José Antonio Quiroga; o xefe territorial de Educación, Xosé Fisteos; o responsable das escavacións, Santiago Ferrer; e o investigador, profesor e presidente da Fundación Aquae Querquennae-Vía Nova, Antonio Rodríguez Colmenero, que quixo recoñecer o apoio da Deputación e a CHMS: “Sigan protexendo este proxecto, sen vós non sería posible avanzar nestas escavacións.

“Aquis Querquennis conta e contará coa máxima colaboración da Deputación para escavar, impulsar e difundir un lugar privilexiado”

O presidente da Deputación de Ourense definiu este complexo arqueolóxico coma “unha das xoias de Ourense e que conta coa máxima colaboración do goberno provincial para cooperar coas escavacións e a promoción, impulso e difusión dun lugar privilexiado”.

Manuel Baltar gabou a figura de Antonio Rodríguez Colmenero, “verdadeiro propulsor desta iniciativa cultural e da continuidade das escavacións, seguiremos traballando para ofertar unha magnífica postal de Ourense”. E destacou as importantes investigacións realizadas por Rodríguez Colmenero nesta escavación e tamén sobre a Vía Nova, calzada romana que unía a antiga Bracara Augusta (Braga-Portugal) e Asturica Augusta (Astorga), e onde precisamente o complexo arqueolóxico de Bande era un dos puntos de descanso.

Visita ao campamento guiada polo profesor Colmenero

Unha vez acabada a xuntanza do padroado da Fundación, do cal tamén forma parte a Deputación de Ourense, o profesor Colmenero guiou a Manuel Baltar e o resto de representantes políticos e membros da Fundación Aquae Querquennae-Vía Nova á visita polo xacemento, partindo da Porta Praetoria, en proceso de reconstrución nestes momentos.