Ourense Provincia

Baltar cualifica o labor da cooperativa Viña Costeira como “o gran escaparate de Ourense"

A cooperativa, “buque insignia da denominación de orixe Ribeiro”, é para o presidente do goberno provincial “o mellor expoñente do labor conxunto de agricultores e viticultores nunha comarca clave para Ourense e Galicia”.

Óscar Gómez

Ourense | 05.01.2023 08:05

Baltar cualifica o labor da cooperativa Viña Costeira como “o gran escaparate de Ourense"
Baltar cualifica o labor da cooperativa Viña Costeira como “o gran escaparate de Ourense" | onda cero

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, acompañado polo vicepresidente segundo e responsable dos asuntos de cooperación coa comarca do Ribeiro, César Fernández, visitou a cooperativa Viña Costeira para coñecer as liñas estratéxicas que marcarán a nova etapa que vén de iniciar o presidente e conselleiro delegado da adega, Andrés Rodríguez, reelixido no seu cargo o pasado 18 de decembro.

Manuel Baltar destacou o gran traballo realizado polo presidente de Viña Costeira, “abrindo novos mercados e convertendo á cooperativa “no gran escaparate de Ourense nos mercados internacionais, co aval dun produto que persigue e consigue a excelencia”.

A cooperativa, “buque insignia da denominación de orixe Ribeiro”, é para o presidente do goberno provincial “o mellor expoñente do labor conxunto de agricultores e viticultores nunha comarca clave para o desenvolvemento de Ourense e Galicia, perfectamente preparada para afrontar os retos deste século”. Unha adega, subliñou, “que traballa cada día para conseguir grandes caldos que veñen gañando unha cota de mercado moi importante, sendo degustados e recoñecidos ao momento polos mellores padais do mundo”.

Durante a visita, Andrés Rodríguez avanzou as principais liñas de traballo da cooperativa para 2023: o enoturismo e a innovación. No ámbito do turismo enolóxico explicou que máis de 50.000 persoas desfrutaron xa das visitas guiadas tanto á adega como, recentemente, ao Pazo de Toubes. Unha actividade, dixo, “que mostra como o mundo do viño está vinculado a esta terra desde hai séculos e na que seguiremos incidindo con novas iniciativas”.

Tamén detallou o presidente de Viña Costeira os proxectos de innovación nos que traballan para procurar o uso de menos recursos en agricultura; a predición de enfermidades no viñedo; ou a fertilización sostible, “todos eles buscando a mellora das técnicas de cultivo para os socios”.

Vinculación coa contorna e a recuperación de especies autóctonas

Constituída en 1968 e con 500 socios na actualidade, Viña Costeira sempre estivo vinculada á contorna e maila recuperación de variedades autóctonas, contribuíndo a fixar poboación no Ribeiro e situando a esta comarca nun lugar privilexiado no mundo dos viños de calidade. Neste sentido, a cooperativa consolidou un importante crecemento internacional exportando os seus viños a países como Alemaña, Reino Unido, Estados Unidos ou mesmo Xapón.

A cultura é outro dos aspectos que coida a adega, convocando en maio pasado a primeira edición do certame Amadeus Arte e Viño para promocionar novos talentos en Galicia. O gañador foi un mozo de Viveiro que verá reproducida a súa obra na próxima anada do Amadeus Treixadura