Ourense Cidade

O alcalde recibe os promotores dun Hotel Balneario de 5 estrelas

Gregorio Álvarez promove a construción dun hotel boutique nos terreos do antigo balneario das Caldas. “Vai ser un auténtico referente”, asegura Gonzalo Pérez Jácome, quen confía en que as instalacións serán “a icona do termalismo de Ourense”.

Óscar Gómez

Ourense | 15.12.2023 07:59

O alcalde recibe os promotores dun Hotel Balneario de 5 estrelas
O alcalde recibe os promotores dun Hotel Balneario de 5 estrelas | onda cero

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, recibiu no Concello os promotores do proxecto dun Hotel Balneario de 5 estrelas, nos terreos do antigo balneario das Caldas. A empresa Álvarez Herrero, do Grupo Ibereólica Renovables, promove esta iniciativa, contando cos arquitectos Müller.Feijoo Arquitectos, José Jaime Vázquez Iglesias e Álvaro Varela arquitectos.

O alcalde de Ourense explicou que “é unha auténtica honra recibir hoxe a Gregorio Álvarez por este proxecto tremendo que nos vai traer a Ourense un futuro. É realmente un dos desexos históricos da cidade de Ourense: ter un hotel balneario, e xa é unha realidade tan grande que case ten nome: Hotel As Caldas, recuperando o antigo hotel que había na zona do Tinteiro”.

Pérez Jácome avanzou que este hotel “vai ser un auténtico referente, porque apunta a ser un hotel boutique, de 5 estrelas, con 42 prazas, que realmente vai ser a icona do termalismo de Ourense. Hoxe é o primeiro paso para facer un proxecto termal ao que daremos todas as facilidades desde o Concello. Ourense está de parabén”, manifestou

Pola súa banda, o empresario Gregorio Álvarez expresou a súa satisfacción por presentar este proxecto “que espero que sexa o principio de moitos proxectos térmicos, xa que tedes a cidade coa mellor auga de España, ademais do AVE”. Explicou que “temos a parcela do antigo balneario, xa compramos o terreo, xa temos os arquitectos, que son expertos, e esperamos presentar nos próximos 3 meses o anteproxecto no Concello, seguir co proxecto de execución, e obter en 2024 os permisos para iniciar a construción no ano 2025”. Sobre as instalacións, avanzou que será un “hotel boutique”, chamado a ser un “buque insignia” termal, e que estará “especializado en alto rendemento deportivo”.