“Foron as mellores Festas de Ourense das últimas décadas”, así o asegura o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, que cualificou de “impresionantes” os festexos de verán da cidade, que se desenvolveron desde o mércores 22, até onte domingo, 26 de xuño, organizados polo Concello desde a Área de Artes e Festexos.
Pérez Jácome agradécelle a poboación “o espírito participativo que tiveron” ao longo das festas e a súa asistencia ás diferentes actividades: “Como alcalde teño que dicir que estamos ante as mellores festas de Ourense das últimas décadas, houbo unha participación extraordinaria, un ambiente na rúa como xa non se recordaba e unha oferta de espectáculos prominente. Recuperamos o espírito dunhas festas que se diluíran nos últimos anos e que agora recuperamos”, resume o alcalde.
Pérez Jácome destaca que na parte musical, desenvolvéronse concertos “que marcaron historia, como o de Morad, o maior concerto adolescente da historia de Ourense, que rondou os 7.000 espectadores”, nun programa que tamén congregou numeroso público de todas as idades nas actuacións de Taburete, David Otero e Rulo y La Contrabanda.
O alcalde destaca tamén a actuación de “orquestras top”, que congregaron milleiros de espectadores nas diferentes sesións que se desenvolveron rúa do Progreso á altura da Alameda, cunha asistencia máxima de público o sábado, cando se rexistrou un “cheo total”, con 6.000 persoas coa Orquestra Olympus, que fixo necesario non deixar entrar máis público por motivos de seguridade. A música de verbena tamén contou cunha magnífica asistencia de público coas actuacións de El Combo Dominicano, Capitol e La Fórmula.
Pérez Jácome subliña tamén singularmente actividades como o mercado medieval, que encheu de vida e actividades as rúas e Prazas do Centro Histórico, unha actividade que xa se desenvolvera outros anos pero que “nunca estivera tan concorrido coma estes días”, así como as actividades infantís e a propia campaña de agasallo de libros, que puxo en marcha o Concello a semana pasada, e que segue activa para que todos os menores da cidade poidan obter o libro que queiran nas librarías da cidade.
“Foron unhas festas impresionantes”, conclúe o rexedor, quen destaca tamén outras dúas actividades que acadaron un seguimento masivo na cidade: o tramo urbano do Rallye de Ourense, que serviu como antesala dos festexos, e o espectáculo de fogos artificiais, que lle serviu na noite de onte domingo como colofón, “coa ponte romana atestada de xente”.