No Parque de San Lázaro os nenos e as nenas atoparanse cos tres Reis Magos, e poderán depositar as súas cartas en cadanseus buzóns. Tamén haberá casetas de Nadal, onde se desenvolverán diferentes actividades infantís, como obradoiros para elaborar adornos e complementos, postais e chapas, amais dun photocall. Será cada tarde, de 17 a 19h, de luns a domingo, desde o día 3 ao 30 de decembro e desde o 2 até o 4 de xaneiro.
Na Praza de Bispo Cesáreo, o poboado de Nadal está protagonizado por Papá Noel e acollerá actividades polas mañás para alumnado dos centros educativos da cidade. Pola tarde, para todo o público infantil haberá propostas de lecer como danza, sesións de contacontos e obradoiros de manualidades a cargo do persoal das bibliotecas municipais.
A Praza Maior, onde hoxe ás 19h será o acto de acendido das luces de Nadal, contará en diferentes días ao longo destas festas con canóns de neve, comezando hoxe, venres, e mañá sábado, de 19:00 a 20:00horas.