O Inorde organiza, co apoio da Axencia de Turismo de Galicia, a proba de MTB “Arnoia Termal Bike” que desde hoxe martes, 22 de xuño, a partir das 18.00 horas, abre o seu prazo de inscrición para que os afeccionados ás bicicletas de montaña poidan gozar, a través do deporte, da contorna termal e natural da zona de Arnoia.
O evento deportivo, que se disputará o 19 de setembro, ofrece aos participantes dous posibles percorridos: un Gran Fondo de 70 quilómetros para disputar en parellas; e un medio fondo de 50 quilómetros para competir de xeito individual, con clasificacións para ambas distancias e diferentes categorías. A “Arnoia Termal Bike” é unha proba ciclista en bicicleta de montaña, formato ultramaratón, que consta dun circuíto circular.
Os interesados en participar poderán inscribirse a partir das 18.00 horas de hoxe a través da páxina web: www.arnoiatermalbike.es, ata cubrir as 300 prazas ofertadas. É unha proba aberta a todos os públicos, tanto federados coma non federados, e incluso poderán inscribirse os que teñan bicicleta eléctrica, aínda que estes últimos non optarán a premios, pero poden gozar igualmente da proba.