Cooperación

700 escolares aprenden sobre alimentación saudable nos supermercados Gadis

O programa Alimentes leva a estudantes de Ourense aos puntos de venda da cidade para saber cales son os alimentos recomendados nunha dieta equilibrada e sostible.

Óscar Gómez

Ourense | 01.03.2024 08:42

700 escolares aprenden sobre alimentación saudable nos supermercados Gadis
700 escolares aprenden sobre alimentación saudable nos supermercados Gadis | onda cero

Máis de 700 estudantes de Ourense participan durante este curso escolar no programa educativo Alimentes de Gadis. E xa empezaron as visitas presenciais aos puntos de venda para aprender dunha forma práctica cales son os alimentos que han de incluírse na cesta da compra para seguir unha dieta equilibrada e sostible. No caso dos centros educativos da cidade, lévanse a cabo en supermercados da capital ourensá.

Co propósito de que os estudantes poidan poñer en práctica o aprendido nas aulas cos contidos da plataforma Alimentes Dixital, organizouse un calendario de visitas con monitores formados en nutrición que os guían polas diferentes seccións, prestando unha atención especial ás de produto fresco: froitas e verduras, peixaría, carnizaría, lácteos, etcétera, para que comprendan a importancia de consumir este tipo de produtos, de proximidade, máis saudables e sostibles.

Desde fai máis de vinte anos, Gadis acompaña e apoia ás familias e á comunidade educativa no seu labor de fomentar hábitos saudables desde a infancia para unha vida activa e máis sa, tanto nesta etapa como na adulta. Previr a obesidade é un dos obxectivos que se persegue e que a empresa pon en valor coincidindo co Día Mundial da Obesidade, que se celebra o 4 de marzo para destacar a importancia dunha maior sensibilización social.

Sustentabilidade

A sustentabilidade é un dos conceptos que máis se traballan no plan educativo, no que se prioriza a transversalidade dos contidos ao redor da alimentación equilibrada, o consumo responsable, a produción sostible, o desenvolvemento local e o desperdicio alimentario. Estas materias, adaptadas ao currículo oficial de Educación Infantil e Primaria, están relacionadas coas Ciencias Naturais e Sociais. Ademais, entróncanse coa Educación Física, ao abordar a relevancia de practicar deporte como un complemento vital da boa alimentación.

Obxectivos para o actual curso escolar

Supermercados Gadis mostra a súa satisfacción pola implicación da comunidade docente de Galicia e Castela e León no seu programa Alimentes que, en cada curso escolar, aumenta a participación. En xuño do 2023 finalizaron o itinerario do plan 28.000 nenos e nenas e 442 centros destas dúas comunidades. O obxectivo este ano é lograr que máis estudantes se aproximen a estes conceptos tanto de maneira presencial coas visitas como de forma interactiva con Alimentes Dixital https://www.gadis.es/saludable/alimentes-dixital/.

Esta plataforma inclúe vídeos e fichas, baseados na cadea dos alimentos desde as súas orixes para que coñezan todo o proceso. Un itinerario virtual desde a lonxa, o campo e as plataformas loxísticas, pasando polas seccións dos puntos de venda ata chegar aos fogares, nos que poden achegar o seu gran de area á conservación do Planeta reciclando e separando residuos. Tamén hai unha unidade didáctica do Prato Alimentes, na que se explican as porcións e as categorías adecuadas dos alimentos, segundo o indicado no Prato de Harvard. Quen finalice este itinerario interactivo, recibirán un premio de Gadis: un kit de Prato Alimentes. Ademais, sortearanse 5 packs de tablets entre todos os centros educativos.