Cultura

A 28ª edición do Ourense Film Festival presenta a súa programación completa

Luis Menor, Presidente da Deputación de Ourense, remarcou o carácter internacional “perfectamente definido” do OUFF, que permite “promocionar o noso sector por todo o mundo”.

Óscar Gómez

Ourense | 26.09.2023 09:22

A 28ª edición do Ourense Film Festival presenta a súa programación completa
A 28ª edición do Ourense Film Festival presenta a súa programación completa | onda cero

Ninguén podía disimular, no acto de presentación da programación completa do 28º OUFF, a satisfacción por unha programación chea de calidade, diversidade de xéneros e puntos de vista, e unha longa nónima de estreas galegas, españolas e absolutas. O luns 25 de setembro o equipo do festival ourensán, co apoio dos seus patrocinadores, presentou toda a súa programación e as liñas de traballo a destacar. A posta en marcha en 2023 da sección competitiva galega é a gran novidade do Ourense Film Festival, que pretende poñer en pé de igualdade esta sección respecto da xa consolidada competición internacional. Desde o festival, que transforma a vida cultural e social da cidade e de parte da provincia durante dez días, remárcase o seu carácter de dinamizador do territorio, poñendo a súa historia, patrimonio e paisaxe no centro da creación audiovisual e, mesmo, impulsando rodaxes que dan a coñecer Ourense na pantalla grande. Achégase o OUFF. Do 29 de setembro ao 8 de outubro, máis dun cento de proxeccións e actividades co obxectivo de concentrar para os amantes do cinema e a cidadanía en xeral, unha selección do mellor cinema do momento.

Sete documentais e tres filmes de ficción compiten na sección Panorama Galicia 2023, a gran novedade da 28ª edición do OUFF. Así se destacou na acto de presentación do luns 25 no Centro Cultural Marcos Valcárcel, onde Miguel Anxo Fernández, director do festival, e Aurelio Gómez, coordinador xeral do mesmo, estiveron acompañados por Enrique Reinoso, director territorial de Abanca Ourense, José Luis Fernández, director de comunicación de Gadisa, Xosé Pastoriza, director de La Región, Antonio Viejo, director de Asuntos Corporativos de Hijos de Rivera, Anxo Lorenzo, director Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, e Luis Menor, Presidente da Deputación de Ourense. Un acto para agradecer a implicación institucional e a colaboración de grandes e pequenas empresas da cidade e da provincia para levantar esta 28ª edición cun conxunto de programación exemplo de excelencia. O presidente da Deputación, Luis Menor, afirmou que logo de vinte e oito edicións e a continua e positiva resposta do sector e do público a este certame, “podemos afirmar que este é o Festival de Cinema de Galicia, o certame por excelencia do audiovisual galego, con referendo nacional e internacional”. Luis Menor puxo en valor, por outra parte, o carácter internacional “perfectamente definido” do festival, que non só permite posicionarse noutros países senón tamén “promocionar o noso sector por todo o mundo”. Máis de 300 filmes de 60 países chegaron á preselección do festival este ano, o cal dá idea da difusión do certame.

Coa aspiración de equiparar progresivamente a competición galega coa Sección Oficial Internacional do festival,.os galardóns establecidos por primeira vez nesta categoría inclúen o Premio Xacobeo a mellor película, dotado con 8.000 euros e os premios Ourense Film Commission á mellor dirección, mellor guión, mellor interpretación, cadanseu dotado con 2.000 euros. Anxo Lorenzo, Director Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, subliñou que o OUFF. “non é só escaparate, senón motor do audiovisual galego. Desde a Xunta agardamos unha edición exitosa, cun festival que siga medrando e que siga achegando máis públicos á cultura desde o audiovisual”, apuntou.

O xénero documental domina na selección de películas galegas a concurso: Florencio na terra (2023), de Domingo D. Docampo, que narra a fuxida do escritor Florencio Delgado Gurriarán ao comezo da Guerra Civil; A espada de Mouruás (2023), documental coa dirección da actriz Lucía Álvarez e estrea absoluta no OUFF; O camiño de Ramón Chao. Trala pista de Prisciliano (2023) de Aser Álvarez, co percorrido que realizou coa súa moto o xornalista e escritor Ramón Chao por diversos lugares de Europa no anos noventa; Manuel Falces. Inventario de Espejos (2022), coa dirección de José Manuel Mouriño, documental ao redor do profesor de Fotografía falecido en 2010, crítico do diario El País entre 1977 e 2009 e que dedicou practicamente toda a súa vida a unha obra fotográfica única; tamén documental o de Xavier Villaverde, María Casares, a muller que viviu mil vidas (2022), ao redor da vida da actriz galego-francesa exiliada cuxo centenario se celebrou o pasado ano; Más allá de los ojos cerrados (2023) de Norberto López Amado (Premio OUFF Ourense 2019) e Germán Roda, unha viaxe na procura dun pintor que nunca existiu, e, por último, o documental biográfico Emilia (2022) de Miguel A. Calvo Buttini, coa figura de Emilia Pardo Bazán e que xa foi premiados nos Gygnus e no Festival de Cine de Murcia.

Os filmes de ficción na competición galega do 28º OUFF son Slow (Lento) (2023), de Marika Kavtaradze, e coprodución de Lituania, Galicia e Suecia; tamén Nueva Tierra (2023, con estrea absoluta deste film de ciencia-ficción dirixido por Mario Pagano e que conta entre os seus intérprete con Andrea Duro, Iván Sánchez, Almar G. Sato, Imanol Arias, e Juan José Ballesta, e O corno (2023), drama dirixido por Jaione Camborda e protagonizado por Janet Novás, que chega á sección Panorama de Galicia tras ser a primeira película en galego en competición en San Sebastián.