Educación

2.160 rapaces van participar este curso na Aula Newton Galicia

A Aula Newton Galicia, a única que existe en España con carácter permanente, situada no Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole-, vai poñer en marcha un novo curso dirixido a alumnado de 2º da ESO a 1º de Bacharelato de toda a comunidade.

Óscar Gómez

Ourense | 05.09.2023 09:54

2.160 rapaces van participar este curso na Aula Newton Galicia
2.160 rapaces van participar este curso na Aula Newton Galicia | Onda Cero

É unha aula de aprendizaxe de ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas; destinada a promover as carreiras científicas e tecnolóxicas entre a mocidade cun enfoque totalmente práctico e moi innovador. Está impulsada conxuntamente pola multinacional Boeing, a organización sen ánimo de lucro FIRST Scandinavia, a Xunta de Galicia e Tecnópole. Esta proposta enmárcase dentro das actividades de Tecnópole Divulga, que buscan incentivar as vocacións científicas e o espírito emprendedor entre as xeracións futuras.

Acaban de abrirse os prazos para que os centros educativos galegos se inscriban de xeito gratuíto na primeira quenda -de outubro a finais de xaneiro- desta 3ª edición da Aula Newton a través de https://newtonroom.com/es/localiza-tu-aula-newton/newton-galicia. Estará accesible os xoves e venres, de 10:00 a 13:00 h. Haberá unha segunda quenda de febreiro a xuño. Este curso participarán 2.160 rapaces e rapazas de toda a comunidade.

Tecnópole continúa co seu compromiso de “garantir unha educación inclusiva, equitativa e de calidade e promover oportunidades de aprendizaxe durante toda a vida para todos”, tal como se recolle no Obxectivo 4 de Desenvolvemento Sostible de Nacións Unidas. Así, nesta edición favorecerase a participación na Aula Newton de persoas e colectivos que, a priori, teñen un difícil acceso ás actividades de divulgación. Con este fin estanse a elaborar materiais didácticos específicos para persoas con algún tipo de necesidade especial.

2.160 rapaces van participar este curso na Aula Newton Galicia
2.160 rapaces van participar este curso na Aula Newton Galicia | Onda Cero

A Aula dispón de catro simuladores profesionais de voo

Os participantes terán a oportunidade de iniciarse no mundo da aviación a través do módulo “Voamos con números: unha aventura aérea”. A Aula Newton dispón de catro simuladores de voo profesionais, que permiten que os rapaces e rapazas gocen desta experiencia, converténdose en pilotos por un día.

O alumnado debe responder a unha hipotética misión de rescate localizada en Galicia, proposta polo Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia, situado na Estrada, froito da colaboración de Tecnópole coa Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), a través do 112 Galicia. Así, para calcular as rutas de voo e cumprir as diferentes misións, os participantes poranse á fronte dos simuladores de voo avanzados, asistidos e orientados en todo o proceso por un equipo de instrutores cualificados.