Memorial

Memorial José Manuel Pérez Canal

Máis de 300 nenos de 16 clubs de distintas disciplinas procedentes de toda Galicia participarán nesta cita, que busca fomentar os hábitos saudables entre os máis novos

Óscar Gómez

Ourense | 06.06.2019 09:40 (Publicado 06.06.2019 06:00)

O Polideportivo Vedruna, do Colexio Carmelitas, acollerá o vindeiro sábado 15 de xuño o I Torneo Memorial José Manuel Pérez Canal de deporte base, que organizan a empresa ourensá Aceites Abril e o Club Carmelitas Vedruna.

Esta cita, que fomenta práctica deportiva e os hábitos saudables entre os rapaces lonxe de fins competitivos, reunirá no polideportivo ourensán a máis de 300 nenos e nenas de toda Galicia, pertencentes a 16 clubs de distintas disciplinas deportivas.

Ao acto de presentación do evento acudiron a directora de Márketing de Aceites Abril, Elena Pérez Canal, a presidenta do Club Carmelitas Vedruna, Rosa Barciela, así como o secretario e tesoureiro do club, Julio Feijoo e Ángel Ferreira, respectivamente.

A directora de Márketing de Aceites Abril lembrou que a marca ourensá leva máis de 20 anos colaborando co Club Carmelitas en distintos eventos deportivos, un apoio que parte da vinculación persoal da propia familia co colexio.

Memorial Perez Canal
Memorial Perez Canal | Onda cero

De feito, a presidenta do club colexial, Rosa Barciela, aproveitou a ocasión para darlles as grazas. “Quero agradecer a actitude que tivo sempre esta empresa co noso club, o interese que mostrou sempre por fomentar o deporte de base, e á propia familia Pérez Canal a confianza que puxo en nós ó ter ás súas fillas estudando connosco. Quero agradecer a Aceites Abril o seu esforzo e dinamismo”, detallou.

Pola súa banda, o secretario do Club Carmelitas Vedruna, explicou que I Torneo Memorial José Manuel Pérez Canal é unha homenaxe e continuidade a todo o apoio que o empresario ourensán sempre manifestou ao deporte de base. Ademais, aclarou que este evento non ten unha finalidade competitiva, senón que busca fomentar entre os nenos bos hábitos. “O obxectivo final non é o espíritu competitivo senón achegar aos xóvenes a vida saudable do deporte, tan necesaria na sociedade actual, para que lles sirva de estratexia para fuxir das costumes que fomentan malos hábitos”, dicía.

Por último, tamén deu algúns detalles máis do torneo. “Máis de 300 nenos serán recibidos dende as 10 da mañá. Ininterrumpidamente estarán gozando non só do deporte senón tamén de outras actividades lúdicas, co fin de que os rapaces se divirtan o máximo posible e lembren este día como un gran día para a figura de José Manuel Pérez Canal”.