Ourense Cidade

Licitanse os proxectos e obras da chegada do AVE a Ourense

O PSdeG-PSOE destaca o “sólido compromiso dos socialistas coas infraestruturas clave para o noso futuro logo da parálise e recortes durante o Goberno central de Mariano Rajoy"

ondacero.es

Ourense | 06.03.2019 11:12

estación empalme ourense
estación empalme ourense | onda cero

O Diario Oficial da Unión Europea (DOUE) vén de publicar diversos anuncios nos que se certifica a próxima licitación de proxectos e obras para o tramo do ferrocarril de alta velocidade entre Taboadela e a estación da cidade de Ourense, proxecto popularmente coñecido como ‘variante exterior de Ourense’, logo de oito anos de absoluta parálise durante o anterior Goberno central do PP, etapa durante a cal esta obra de vital importancia para Ourense e para Galicia é o último tramo da liña troncal que nos unirá co resto da península e de Europa.

Así pois, o DOUE anuncia as próximas licitacións dos contratos para a asistencia técnica para o control das obras de plataforma da variante de Ourense, conexión Seixalbo-Seixalbo; asistencia técnica para o control das obras de plataforma da variante de Ourense, túnel de Rante-Conexión Seixalbo; asistencia técnica para o control das obras da plataforma da variante de Ourense, Taboadela-Túnel de Rante; ou os servizos de asistencia técnica para a inspección de edificios na contorna das obras da LAV Madrid-Galicia nas contornas urbanas de Ourense e A Coruña.

Os socialistas recordan que a tramitación administrativa deste tramo, iniciada en setembro de 2006 coa adxudicación do estudo informativo e practicamente rematada na súa fase ambiental no ano 2011 polo equipo do exministro de Fomento, José Blanco, foi paralizada en 2012 por orde expresa e persoal da exministra e presidenta do Congreso, Ana Pastor, ós poucos meses de chegar ó cargo. Desde entón e ata a volta do PSOE ó Palacio de La Moncloa hai uns meses, estes proxectos estiveron en barbeito, gardados nun caixón, tempo durante o cal lle aplicaron todo tipo de rebaixas, modificacións e recortes no seu deseño e prestacións.

O Diario Oficial da Unión Europea tamén certifica o impulso das obras da estación intermodal da terceira cidade de Galicia, co anuncio para licitar a “asistencia técnica para o control de obra de execución de obras da estación de Ourense”. Desta forma, poderase continuar coa segunda fase das obras de remodelación da estación ferroviaria de Ourense-Empalme, un proxecto clave para dar continuidade e conexión global ó trazado de alta velocidade cara todas as cidades da comunidade, e recibindo así o pulo definitivo para apuntalar a súa posición como estación central do tren galego.

“Fronte a parálise administrativa e a mofa do PP contra os intereses e o futuro de Ourense, posto que non debemos esquecer que Íñigo de la Serna foi o primeiro ministro de Fomento que cuestionou a necesidade de construír estes últimos 17 quilómetros da liña de alta velocidade porque lle parecía caro e innecesario, o PSOE si aposta polas obras clave para Galicia, con licitacións e non con contas fantasiosas que logo non se traducen en feitos”, destacan desde o PSdeG-PSOE.