O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presidiu por videoconferencia a reunión do Comité de Seguimento do Coronavirus Covid-19 da institución provincial, que aprobou adaptar ao novo escenario que contempla a normativa publicada hoxe no Boletín Oficial do Estado (BOE), os ámbitos do teletraballo e da teleasistencia que desenvolve a Deputación. A vixencia destas medidas será, en principio, ata o 9 de abril. Na reunión tamén se informou da compra de material, realizada pola Deputación -en concreto, 36.000 máscaras, 43.000 pares de luvas e 500 litros de xel desinfectante-, que será entregado esta semana, e asemade, se deu conta do funcionamento do “Comité do Día Despois” e da Xunta de Goberno extraordinaria que se celebrará o vindeiro mércores cun marcado carácter social na súa axenda.
Desde o inicio da crise, a Deputación de Ourense vén implementando medidas para facer fronte á crise do coronavirus, potenciando a teleasistencia, a protección de emprendedores e a cooperación social cos concellos. Unha das medidas foi a posta en marcha dun servizo de “alta exprés” en teleasistencia para que os concellos poidan axilizar os trámites de novos usuarios desta servizo para persoas máis vulnerables. Esta medida ten como obxectivo que os concellos poidan incluír nos seus rexistros de teleasistencia ás persoas que consideren preciso atender con este recurso, o que permitiría dar de alta temporal ao usuario non servizo de liña 900 para facerlle o seguimento.
Precisamente, o vindeiro mércores, a Xunta de Goberno extraordinaria abordará, como tema principal, o programa de entidades sociais que desenvolve a Deputación de Ourense, para potenciar as actividades relacionadas coa atención urxente ou as que estean relacionadas ou derivadas da crise do Covid-19.