Máis de Un Pontevedra

Poio revive o Medievo coa celebración do Día de Colón

A festa medieval comeza esta tarde de venres coa apertura do mercado artesanal na Praza da Chousa.

Susana Pedreira

Pontevedra | 10.05.2024 14:21

As rúas de Combarro xa están engalanadas para celebrar este venres e sábado a décima edición do Día de Colón. Nunha contorna inmellorable para retroceder ata o Medievo, o Concello de Poio, coa colaboración das asociacións Combrus, Vides Novas e Leucoíña, ten en marcha unha extensa programación lúdica e festiva para toda a familia: mercado artesanal, animación nas rúas durante todo o día, teatro e bailes medievais, concertos, tiro con arco e esgrima antiga, xusta medieval...

O alcalde, Ángel Moldes, anima a visitantes e veciños a gozar de toda a programación, e recorda que o Día de Colón sempre contou cun grande éxito de participación tanto os propios días, como nos preparativos: establecementos, veciños e colectivos están totalmente involucrados na festa, decorando as súas casas e negocios, ensaiando os bailes medievais, e perfectamente ataviados coas súas roupas. A festa medieval comeza este venres coa apertura do mercado artesanal na Praza da Chousa desde as 17.30 horas.