Ribeira Sacra

A Xunta ultima o plan de acción da paisaxe da Ribeira Sacra

O documento concretará as medidas e actuacións que permitirán mellorar a percepción do territorio incluído dentro dos itinerarios de interese paisaxístico Chantada-Ponte Nova dos Peares e Monforte de Lemos–Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil

Óscar Gómez

Ourense | 21.04.2020 10:05

A conselleira, Ángeles Vázquez, mantivo unha videoconferencia co equipo redactor
A conselleira, Ángeles Vázquez, mantivo unha videoconferencia co equipo redactor | Xunta de Galicia

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda continúa avanzando para dotar á Ribeira Sacra dun Plan de Acción da Paisaxe que contribúa a mellorar a percepción do territorio e a comprensión dos valores da paisaxe cultural desta zona de gran riqueza natural e paisaxística. Así llo transmitiron a Ángeles Vázquez os membros do equipo redactor, cos que mantivo unha videoconferencia esta mañá para falar dos últimos avances acadados na elaboración do devandito plan, unha das figuras previstas na Lei de Protección da Paisaxe de Galicia.

Durante a xuntanza, na que tamén participou Guillermo Evia, director do Instituto de Estudos do Territorio (IET) que promove a actuación, a conselleira foi informada de que a memoria técnica que desenvoverá e concretará o contido deste primeiro Plan de Acción da Paisaxe da Ribeira Sacra.

O ámbito de actuación, en todo caso, circunscríbese ao territorio incluído nos dous itinerarios de interese paisaxístico con valores panorámicos que hai na zona: Chantada-Ponte Nova dos Peares e Monforte de Lemos–Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil. O espazo sobre o que se prevé desenvolver o devandito plan correspóndese con aqueles tramos que transcorren pola Área de Especial Interese Paisaxístico Ribeira Sacra ou polo Ben de Interese Cultural Ribeira Sacra, e que suman no seu conxunto un total de 61,06 km.

Concretamente, o espazo de actuación do Plan de Acción (que abarca o ámbito da futura Área de Especial Interese Paisaxístico Ribeira Sacra) é poder incluír unha serie de puntos que contan con excepcionais características para a contemplación e comprensión da paisaxe.

Ribeira Sacra, candidata a Patrimonio da Humanidade
Ribeira Sacra, candidata a Patrimonio da Humanidade | onda cero

Memoria

Para acadar ese obxectivo xeral, a memoria técnica fíxase entre os seus obxectivos formular actuacións cos organismos titulares das vías públicas e sentar as bases para a sinatura dun convenio de colaboración cos mesmos e co Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, no que se inclúa o compromiso de mantemento das actuacións a realizar.

Tendo isto en conta, a memoria analiza o estado actual de ambos itinerarios partindo de cinco eixos ou puntos de vista: viario; sinalización e cruces; accesibilidade; impactos; e oportunidades.

Inclúese tamén unha relación dos atributos que singularizan a Ribeira Sacra e que teñen unha presencia relevante en determinados puntos destes dous itinerarios panorámicos, a partir dos cales se definen os ámbitos de actuación nos que desenvolver a futuro medidas de sinalización, revexetación ou comunicación que contribúan a unha mellor percepción e comprensión da paisaxe.

Plan Estratéxico de Acción

O ano pasado a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda presentou un plan estratéxico de acción para a Ribeira Sacra no que se definen unha serie de actuacións en materia paisaxística, urbanística e ambiental que mellorarán o nivel de protección deste territorio e permitirá regular á vez as futuras intervencións no mesmo. En total, contará cun investimento de máis de 3,5 millóns de euros e articularase a través de 10 propostas de actuación.

Entre as medidas incluídas neste documento, presentado en setembro ao Consello da Xunta, atopánse a reformulación de dúas áreas de especial interese paisaxístico da Ribeira Sacra, a fin de adaptalas á realidade actual e fusionalas nunha soa, e o desenvolvemento de diversas actuacións en materia paisaxística por parte do Instituto de Estudos do Territorio co horizonte posto no ano 2021.

En concreto, prevese a elaboración dun Plan de Acción da Paisaxe e dun Pacto pola Paisaxe, circunscritos ambos ao territorio das dúas áreas de especial interese paisaxístico que- tras a súa fusión- conformará a AEIP Ribeira Sacra e a súa área de influencia, formada polos 20 concellos que conforman o Consorcio de Turismo de Ribeira Sacra.

Con estas medidas en materia de paisaxe así como co resto das actuacións incluídas no Plan Estratéxico de Acción impulsado pola Xunta para mellorar a protección deste territorio de gran riqueza, preténdese dar un pulo definitivo á dobre candidatura da Ribeira Sacra a Reserva da Biosfera e Patrimonio Mundial.

Neste sentido, cómpre lembrar que a tramitación da candidatura da Ribeira Sacra ante a Unesco acaba de dar un paso decisivo logo de que o pasado mes de marzo o Centro de Patrimonio Mundial confirmara que a candidatura foi aceptada para a súa avaliación na 45º sesión do Comité, previsto para 2021. Paralelamente, tamén está en proceso a candidatura a Reserva da Biosfera da Ribeira Sacra e serras do Oribio e Courel, remitida ao Comité Español MAB da UNESCO en decembro do ano pasado.