Sube o paro na provincia de Ourense en 144 personas
Continuamos coa mesma tendencia: emprego estacional, temporal, a tempo parcial e con baixos salarios. O 88% dos contratos asinados son de carácter temporal
Segundo os datos do paro publicados polo SEPE correspondentes ao mes de xaneiro, o desemprego increméntase en Ourense en 144 persoas, sendo o sector servizos o mais afectado polo incremento do paro, con 195 persoas mais, debido ao seu carácter estacional ou de tempada.
Por sexos, o paro cébase especialmente coas mulleres, reducíndose o paro masculino en 40 persoas e aumentando o feminino en 184 persoas. Deste xeito, das 18.503 persoas en situación de desemprego na nosa provincia, 10.380 son mulleres, é dicir o 56%.
A maiores desta evolución negativa, o secretario xeral de CCOO de Ourense, Pedro Barreiros, suliña a persistencia dos graves déficits que arrastra o mercado laboral español, galego e ourensán: a falta de emprego en actividades industriais e de alto valor engadido, o abuso da contratación temporal, a práctica desaparición da contratación a xornada completa, así como da contratación indefinida (dos 6.365 contratos asinados, o 88% son temporais e só o 12% indefinidos).
En opinión de Pedro Barreiros, é necesario e urxente que mellore a calidade do emprego, polo que é imprescindible o compromiso das organizacións empresariais na intensificación do diálogo social para a consolidación dun modelo produtivo que xenere emprego de calidade.
Tamén son necesarias medidas que rematen co abuso que se fai da contratación temporal e medidas que rematen cos aspectos mais lesivos da reforma laboral e que permitan unha actuación decidida na erradicación da precariedade que veñen sufrindo os traballadores e traballadoras dende hai anos.
Voltamos facer un chamamento a un gran pacto político e social na nosa provincia para facerlle fronte aos noso problemas mais acuciantes: industrialización, emigración xuvenil e despoboamento, as tres cuestións íntimamente relacionadas co modelo de mercado laboral que temos na provincia de Ourense.