O Psoe saca ó arqueolóxico de Ourense do ostracismo
O PSOE cumpre os seus compromisos e esta mesma mañá licitou as obras do Museo Arqueolóxico de Ourense por importe de 12.246.860,33 euros e un prazo de execución de 30 meses
Feitos fronte fume e licitacións fronte contas fantasiosas. Así é como traballa o PSOE, e por iso os socialistas veñen de sacar ó Museo Arqueolóxico de Ourense (Musarq) do abandono ó que o tiña sometido o PP, logo de oito anos de parálise e desvergoña, ante as necesarias obras nun dos museos máis importantes e senlleiros de Galicia, que se localiza nun dos poucos exemplos que se conserva na comunidade de arquitectura do románico civil, ubicado na Praza Maior, ó carón memso da Casa do Concello.
O PSOE cumpre os seus compromisos e esta mesma mañá licitou as obras do Museo Arqueolóxico de Ourense por importe de 12.246.860,33 euros e un prazo de execución de 30 meses. Os socialistas desbloquean a situación anómala que afecta ó patrimonio histórico e cultural da provincia, mentres os populares quedaron de brazos cruzados e non foron quen de axilizar as obras para que a apertura sexa unha realidade. “Estivemos oito anos sufrindo unha absoluta parálise e vendo como os gobernos de Mariano Rajoy e de Núñez Feijóo foron incapaces de facer nada para impulsar unhas obras que, finalmente, tivo que materializar o goberno socialista só poucos meses despois de chegar a La Moncloa”, sinalan desde o partido socialista ourensán.
Cómpre recordar que os socialistas levan anos instando esta apertura e a exposición das case 40.000 pezas gardadas nun almacén, e por iso celebran que o patrimonio ourensán vai saír do ostracismo ó que o tiñan sometido os conservadores. “Feitos fronte ó fume e licitacións fronte contas fantasiosas que logo non executaban obras”, declaran desde o PSdeG-PSOE de Ourense. Xestionado pola Xunta pero de titularidade do Estado, o Musarq leva máis de tres lustros co cadeado botado por mor dunhas obras de rehabilitación que, ata o de agora, aparecían e desaparecían dos Orzamentos Xerais do Estado e dos feitos dos gobernos.