Obras de mellora do firme na zona da Farixa
O martes, 19 de febreiro, iniciaranse as obras de reparación das fochas da rúa Alberto García Ferreiro, na zona da Farixa. Comezarán cun bacheo e, posteriormente, regularizarase con mestura bituminosa
Estes traballos son unha demanda histórica da veciñanza da zona da Farixa, que leva anos solicitando unha mellora no firme, algo que é posible grazas á colaboración institucional, tal e como pon de manifesto o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad, quen agradece á Deputación Provincial “a súa man tendida sempre disposta a apoiar en todo canto lle solicitamos desde o Concello para mellorar situacións en Ourense que levaban moitos anos arrastrándose”.
A Policía Local realizará o correspondente corte de tráfico na vía durante o martes 19 e o mércores 20 e, de ser necesario, procederá a eventual retirada de vehículos, pero avisará a residentes e usuarios con anterioridade.
A hora de inicio dependerá da temperatura ambiente e das circunstancias climatolóxicas, pero nunca será antes das 9:00 horas.
“Esta obra é un novo exemplo do esforzo continuo que estamos a facer para mellorar as rúas en todos os puntos da nosa cidade”, sinala o rexedor ourensán, lembrando obras en execución tan importantes como a de Otero Pedraio e próximas actuacións que se levarán a cabo na cidade en vías de titularidade autonómica.
Próximos proxectos
Entre os proxectos que se atopan máis avanzados destacan as reformas en arterias fundamentais para o tráfico da cidade como son as rúas Marcelo Macías, Progreso e Otero Pedraio; esta última xa en marcha, e na que se está a dar resposta ás demandas veciñais para mellorar a mobilidade e a fluidez da circulación na contorna.
Tamén na segunda fase da mellora da seguridade viaria na estrada Ourense-A Ponte Noalla (OU-105) en Seixalbo, que executa a Xunta de Galicia. Unha obra que o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, recorda que “vai supoñer unha mellora substancial na seguridade viaria e da calidade de vida nesta zona da cidade, dando resposta a unha vella demanda da veciñanza.
Tamén estanse a dar importantes pasos adiante na mellora da rúa Concordia, a Avenida das Caldas, Río Arnoia, así como no proxecto da senda peonil de Reza, tal e como quedou de manifesto nunha reciente reunión entre o alcalde, persoal municipal de Infraestruturas e o director da Axencia Galega de Infraestruturas.
As obras previstas nestas vías de titularidade autonómica contemplan implementar medidas en materia de accesibilidade, así como a reforma dos elementos deteriorados co paso dos anos. Pero incidirán especialmente na procura da seguridade de peóns e do tráfico.
Os proxectos, que xa están en marcha e que se irán anunciando en próximas datas, serán executados pola Xunta de Galicia (titular das rúas), baixo supervisión do Concello de Ourense