A Xunta prevé xestionar a biomasa na totalidade das franxas secundarias preto das vivendas do concello de Lobios, establecido como concello piloto ao abeiro do convenio de defensa das aldeas, asinado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a empresa pública Seaga. Así o destacou o conselleiro do Medio Rural, José González, que hoxe realizou unha visita á zona na que estivo acompañado polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, e pola alcaldesa da localidade, María del Carmen Yáñez.
Segundo explicou González, xestionaranse case 375 hectáreas preto das casas, distribuídas nunhas 9.000 parcelas, e engadiu que preto de 60 hectáreas xa foron contratadas a Seaga para a súa adecuada xestión. O conselleiro lembrou que o principal obxectivo do devandito convenio é apoiar os particulares e os municipios no seu cumprimento da normativa sobre prevención de incendios, pero que a Xunta “quixo ir máis alá” e por iso se planificaron estas actuacións integrais en concellos piloto.
Nesta liña, o conselleiro enmarcou estes labores no Plan preventivo impulsado pola Xunta e que estará en vigor ata marzo de 2024. Esta planificación -recordou González- prevé actuar cando menos en 60.000 hectáreas e nuns 5.600 quilómetros de vías, ademais de en máis de 4.800 puntos de auga, en toda a xeografía galega.
Neste contexto, o titular de Medio Rural salientou como novidade este ano a posta a disposición dun visor de faixas secundarias de xestión de biomasa (as que rodean as vivendas), accesible para toda a cidadanía. Mediante esta ferramenta é posible visualizar as devanditas faixas daqueles concellos que teñan o plan de prevención de incendios aprobado. Desta forma, calquera persoa poderá comprobar as parcelas incluídas nestas franxas, con indicación da parroquia, referencia catastral, superficie total e área afectada pola faixa.