Infraestructuras

A Xunta traballos de seguridade viaria na estrada OU-112 ao seu paso por Laza

Os traballos súmanse aos realizados desde o pasado mes xullo en distintos tramos da contorna do Camiño de Santiago co fin de favorecer o tránsito seguro dos peregrinos. Na Vía da Prata planificáronse 14 actuacións ao seu paso polos municipios de Laza, Sarreaus, Ourense, A Mezquita Piñor e Lalín, cun investimento próximo aos 225.000 €

Óscar Gómez

Ourense | 18.04.2022 10:23

A Xunta traballos de seguridade viaria na estrada OU-112 ao seu paso por Laza
A Xunta traballos de seguridade viaria na estrada OU-112 ao seu paso por Laza | onda cero

A Xunta está a realizar traballos de reforzo da seguridade viaria na estrada OU-112 ao seu paso polo concello de Laza, no treito coincidente co Camiño da Vía da Prata, co fin de favorecer o tránsito seguro dos peregrinos.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade avanza nas obras iniciadas na segunda quincena de marzo para a execución dunha senda e o reforzo da sinalización horizontal e vertical ao longo de algo máis de medio quilómetro desta vía autonómica, entre os puntos quilométricos 0+510 e 1+040.

O obxectivo é reforzar a seguridade neste tramo da OU-112 que discorre paralelo ao Camiño de Santiago e que carece de beirarrúa. Tamén se mellorará o firme neste treito e disporase nova sinalización, incluíndo dispositivos reflectantes para a mellor visibilidade dos peóns e minorar a velocidade dos vehículos.

Esta obra é unha das actuacións que a Xunta desenvolve nos treitos das vías autonómicas coincidente coa traza da Vía da Prata para reforzar a seguridade viaria e favorecer o tránsito dos peregrinos. As actuacións neste Camiño acadan un investimento autonómico próximo aos 225.000 €.

Máis concretamente, na Vía da Prata proxectáronse 14 actuacións, 13 delas na provincia de Ourense ao seu paso polos municipios de Laza, Sarreaus, Ourense, A Mezquita e Piñor, co fin de mellorar a seguridade viaria e a accesibilidade nos cruzamentos ou treitos do Camiño coas estradas autonómicas.

En concreto, ademais desta obra na estrada OU-112, leváronse a cabo nove actuacións en distintos puntos da OU-113, ao seu paso por Sarreaus e por Laza. Tamén se executaron actuacións na estrada OU- 105, en Ourense; na OU-311, na Mezquita, e na estrada OU-154 en Piñor. Ademais inclúese unha actuación na PO-902, no concello pontevedrés de Lalín.

Estas intervencións están incluídas nas 70 actuacións que a Xunta executa nas vías autonómicas de toda Galicia para reforzar a seguridade nas confluencias cos Camiños de Santiago, cun investimento conxunto de 1,4 millóns de euros.

O Goberno galego, mediante estas actuacións, traballa para favorecer a mobilidade, a comodidade e a experiencia dos peregrinos para atender a maior afluencia que se espera neste ano 2022, cando o Xacobeo se prevé máis intenso.