Medio Rural

A Xunta salienta que a riqueza do bosque galego está cifrado en 43.0000 M€

José González afirmou que a comunidade é un referente neste sector a nivel nacional, xa que segue a liderar o volume de cortas de madeira no país coa cifra récord de 11 millóns de metros cúbicos no ano 2022.

Óscar Gómez

Ourense | 14.12.2023 07:49

A Xunta salienta que a riqueza do bosque galego está cifrado en 43.0000 M€
A Xunta salienta que a riqueza do bosque galego está cifrado en 43.0000 M€ | onda cero

Segundo estimacións preliminares elaboradas por expertos do sector forestal, a riqueza do bosque galego está cifrada en máis de 43.000 millóns de euros, dos cales as frondosas caducifolias achegan un valor superior aos 17.700 millóns. Así o destacou hoxe o conselleiro do Medio Rural, José González, na clausura da presentación do Informe Anual da Cadea Monte-Industria celebrada en Santiago de Compostela. Durante a súa intervención, fixo referencia á importancia do sector forestal galego, xa que a comunidade segue a liderar o volume de cortas de madeira en España, acadando en 2022 máis de 11 millóns de metros cúbicos, “unha cifra totalmente récord para o país”. Ao acto tamén asistiu o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, e o director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal.

De seguido, o conselleiro resaltou que a nosa comunidade conta con preto de 620.000 hectáreas de frondosas caducifolias, 420.000 hectáreas de coníferas -piñeirais na súa grande maioría- e 409.000 hectáreas de eucaliptais. José González afirmou que o Goberno autonómico “non escatimou en recursos para dispoñer desta información” e que se seguirá “afondando na detección temperá de cambios e comezando a obter datos do volume, biomasa e carbono secuestrado polas principais especies de Galicia”.

Así, destacou o carácter continuo do Inventario Forestal, xa que se trata dun procesado de datos constante que constituirá un instrumento imprescindible para a toma de decisións das políticas públicas e do sector forestal-madeira.

En comparación co contexto nacional e internacional, no ano 2018 a cadea forestal-madeira da Unión Europea achegaba o 1,4% do seu PIB. En España, esta cadea supón preto do 0,9% do PIB, mentres que en Galicia este valor ascende a preto de 1,9%. Segundo indicou o conselleiro, de cada cen unidades monetarias de valor engadido xerado en España neste sector, 10,5 proveñen da nosa comunidade.

Ademais, Galicia destaca pola súa especialización nos primeiros elos da cadea e, especialmente, na silvicultura, xa que máis do 40% do Valor Engadido Bruto (VEB) xerado no Estado provén de Galicia. As ramas económicas da silvicultura, explotación forestal e da industria da madeira representan o 61,5% do valor engadido bruto do sector forestal galego, só superado en toda a Unión Europea por Letonia e Lituania.

Nesta situación, José González engadiu que é necesario “traballar para darlle o peso necesario ás segundas e terceiras transformacións en Galicia”. Para iso, cómpre compoñer unha folla de ruta clara e concreta para os seguintes anos, sinalou. Seguindo esta liña, o conselleiro puxo de relevo a recente posta en marcha do Plan estratéxico da industria forestal-madeira (elaborado como resposta ás demandas do sector), que aliñará o Plan Forestal coas necesidades da industria, conectando recurso e produto.

Esta planificación permitiralle ao Goberno galego anticiparse aos cambios e adaptarse mellor a eles. Ademais, os novos “bio-produtos” serán os protagonistas desta demanda. Así mesmo, tanto a estes novos produtos como ás propias industrias se lles esixirá, aínda máis, fluxos secundarios dos produtos actuais e, deste xeito, non aumentar da madeira en rollo; polo que se producirá máis produto con menos recurso.

Axudas para industria convocadas polo Goberno galego

Neste contexto, o conselleiro afirmou que se seguirán convocando achegas en materia de dixitalización, ecoinnovación, en tecnoloxías forestais, de procesamento e comercialización de produtos, así como á valorización e á segunda transformación da industria forestal madeira e do contract. Así, subliñou que dende a adscrición da Axencia Galega da Industria Forestal á Consellería do Medio Rural destináronse a este sector preto de 25 millóns de euros.

Seguindo esta liña, ata un 20% das edificacións promovidas polo goberno autonómico empregarán madeira na súa estrutura, unha porcentaxe que se introducirá de xeito gradual dende 2024. O compromiso da Xunta co eido é claro, e materialízase tamén nos 2 millóns convocados para fomentar a construción en madeira no ámbito privado.

Tamén no vindeiro ano, tal e como recalcou o conselleiro, porase en marcha un mercado voluntario de créditos de carbono, derivados da capacidade de absorción e almacenamento das actividades relativas aos usos da terra. Galicia será a primeira comunidade en regular esta materia.

Xa para finalizar a súa intervención, José González recalcou que a Consellería do Medio Rural quere compoñer unha proposta de futuro “por e para Galicia”, co fin de enfrontarse a novos retos, sendo máis competitivos, produtivos, pechando ciclos e producindo bens co maior valor engadido posible.