Medio Ambiente

A Xunta ratifica o seu compromiso coas enerxías limpas apostando pola Biomasa

Francisco Conde, participou esta no CIS Madeira, en San Cibrao das Viñas, no acto de constitución do Clúster da Biomasa

Óscar Gómez

Ourense | 25.02.2021 08:42

A Xunta ratifica o seu compromiso coas enerxías limpas apostando pola Biomasa
A Xunta ratifica o seu compromiso coas enerxías limpas apostando pola Biomasa | onda cero

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou no acto de constitución do Clúster da Biomasa de Galicia, que se celebrou no CIS Madeira, en San Cibrao das Viñas. Durante a súa intervención, aplaudiu esta decisión da industria forestal, ao tratarse dunha das enerxías alternativas con máis presente e futuro e ratificou o compromiso da Xunta con este sector, xa que se renovará a Estratexia Integral de Impulso da Biomasa durante o período 2021-2025.

Conde subliñou que o futuro do forestal pasa por integrar as novas tecnoloxías, explorar novos usos da madeira, ser parte do éxito do contract, e conseguir un maior aproveitamento dos recursos forestais para convertelos nunha fonte de enerxía renovable como a biomasa.

Neste sentido, ratificou a aposta da Xunta por unha Galicia máis verde con iniciativas como o proxecto para promover unha xestión sustentable dos bosques galegos que opta aos fondos europeos e que contempla un investimento público-privado de 1140M€ para crear unha fábrica de téxtiles a partir da madeira e producir 200.000 toneladas ao ano. Tamén lembrou os apoios da Administración autonómica para fomentar o uso de biomasa tanto por parte de particulares, como nas entidades do sector público e nas empresas. Así, a Estratexia Integral de Impulso á Biomasa favoreceu a instalación de 7000 caldeiras entre 2014 e 2020 –cunha mobilización de 80M€–, actuacións en 72 edificios públicos e a creación de 700 empregos. Destacou que esta industria contribúe a defender o selo de Galicia Calidade poñendo en valor a orixe e calidade da biomasa.

Conde asegurou que a industria forestal desempeñará un papel clave na transformación económica e por iso celebrou a constitución deste novo clúster –integrado inicialmente por 30 empresas– que permitirá activar redes de colaboración público-privadas, e establecer unha verdadeira comunidade de coñecemento ao redor desta industria para avanzar na innovación, o emprendemento e a internacionalización. Aliñándose, ademais, coas grandes mensaxes do Green Deal para impulsar a economía circular, a valorización de residuos e a xeración de fontes de calor procedente de renovables.

De feito, preténdese promover o uso de biocombustibles e enerxías renovables procedentes de recursos forestais, dotarse de maior capacidade para competir a nivel internacional, consolidarse como unha industria de referencia –o 6,4% da enerxía primaria consumida en Galicia ten a súa orixe na biomasa o que a sitúa como primeira fonte autóctona, xerando, ademais, 3500 empregos directos.