Teletraballo

A Xunta promove a campaña "teletraballa con prevención"

O Issga distribuirá material divulgativo, principalmente en formato dixital, para concienciar acerca da necesidade de adaptar os espazos de traballo no fogar e acadar bos hábitos que eviten o excesivo illamento e a ausencia de actividade física

Óscar Gómez

Ourense | 11.02.2021 08:15

A Xunta promove a campaña "teletraballa con prevención"
A Xunta promove a campaña "teletraballa con prevención" | onda cero

A xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), María Adela Quinzá-Torroja presentou en Santiago de Compostela a nova campaña da Xunta Teletraballa con prevención, que busca sensibilizar acerca das prácticas preventivas e sobre bos hábitos no desenvolvemento desta modalidade de traballo, en auxe desde a irrupción da pandemia.

“No tempo da pandemia o teletraballo acelerouse de repente, sendo en determinados momentos a modalidade preferente”, afirmou a xerente do Issga, para quen esta medida organizativa serviu -e serve- de “muro de saúde fronte á transmisión do virus” ao permitir continuar a actividade e, ao mesmo tempo, reducir a mobilidade e evitar a confluencia de persoas nun mesmo centro de traballo.

Para Quinzá-Torroja, “nestes momentos debe acadarse un adecuado equilibrio na garantía da prestación do servizo ou atención á clientela de xeito presencial e o traballo a distancia, que, sen dúbida, é unha das características do traballo do futuro inmediato”.

O traballo a distancia leva parellos importantes beneficios como a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, a redución e aforro de custos, o aumento da produtividade e racionalización de horarios, a atracción e retención do talento ou a redución do absentismo. Pero, con todo, tal e como remarcou Quinzá-Torroja, “pode afectarlle á saúde musculoesquelética ou mental debido aos longos períodos de traballo con pantallas de visualización, o illamento, unha maior inactividade física, os límites difusos entre traballo remunerado e vida privada ou o estrés”.

Por este motivo, a Xunta está a promover boas prácticas por medio da campaña Teletraballa con prevención, con especial atención á formación específica neste novo ámbito de riscos laborais e mediante a sensibilización de traballadoras e traballadores e de organizacións para acadar rutinas máis seguras.

O Issga, na súa condición de órgano encargado da execución e coordinación das políticas de prevención de riscos laborais deseñadas en consenso cos interlocutores sociais, está a facilitar as recomendacións e as medidas preventivas para que o teletraballo se desenvolva nas mellores condicións. Para iso está a elaborar documentación técnica e a difundir material en formato dixital para chegar á poboación traballadora por conta propia e allea.

Contorna axeitada e relacións laborais

Entre outras cuestións, os materiais abordan a necesidade de crear unha contorna axeitada de traballo na casa, que estea illada para facilitar a concentración; con espazo e iluminación preferentemente natural; co espazo ordenado e as condicións de temperatura, humidade e ventilación axeitadas.

A ergonomía do posto de traballo debe trasladarse ao fogar. Neste sentido, desde o Issga pautan boas prácticas posturais para evitar males maiores: pés apoiados, costas rectas e con soporte lumbar, pescozo sen flexionar e distancias axeitadas. Pode conseguirse todo isto con cadeiras regulables en altura ou dispoñendo os equipos informáticos á altura óptima. Para evitar a fatiga visual, os técnicos suxiren ademais que se eviten os reflexos no monitor e realizar pausas curtas e frecuentes.

Para evitar o sedentarismo, proponse realizar pausas activas, estiramentos na casa, cambios de postura e adoptar o hábito de facer máis tarefas de pé. E contra o illamento, o máis convinte é manter o contacto cos compañeiros por medios telefónicos ou telemáticos.

Para evitar o estrés no teletraballo, o personal técnico do Issga aconsella adoptar rutinas que favorezan o benestar mental. Boas prácticas como organizar o traballo e estar alerta ante longas xornadas laborais, a intensidade ou flexibilidade das tarefas e marcar os límites entre vida laboral e vida persoal axudarán a este obxectivo.

O material da campaña ponse a dispor das persoas interesadas desde hoxe na páxina web do Issga (issga.xunta.gal) onde se pode acceder tamén a un vídeo explicativo dos bos hábitos para o desempeño do teletraballo en condicións de prevención e sen riscos innecesarios para a saúde.