Ourense Cidade

A Xunta ofrecese o Concello de ourense para intalar gaiolas trampa contra os xabaríes

Belén do Campo traslada á asociación que o Goberno local debería sumarse ao protocolo impulsado pola Consellería para poñer á disposición dos municipios este tipo de dispositivos como medida alternativa e complementaria ás accións de caza.

Óscar Gómez

Ourense | 01.02.2023 07:54

O pleno de Ourense aproba pór en marcha un plan de choque contra a invasión de xabarís
A Xunta ofrecese o Concello de ourense para intalar gaiolas trampa contra os xabaríes | Pixabay

A Xunta de Galicia volveu reiterar que o Concello de Ourense ten á súa disposición o protocolo impulsado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para facilitar a instalación de gaiolas trampa naquelas zonas da cidade nas que se ten detectado nos últimos meses a presenza reiterada de varios exemplares de xabarís.

Así llo trasladou esta mañá a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, aos representantes da Asociación de veciños Virxe de Covadonga, un dos barrios afectados polas incursións destes animais e cos que se reuniu para analizar o problema, acompañada pola xefa territorial de Medio Ambiente en Ourense, Victoria Núñez.

Neste sentido e ante a inquedanza xerada pola proximidade dos xabarís a certas zonas poboadas, do Campo trasladoulles que hai unhas semanas a Xunta se puxo en contacto co Goberno local ourensán para ofrecerlle sumarse ao protocolo impulsado polo seu departamento para poñer á disposición das grandes cidades e dos municipios das áreas metropolitanas este tipo de dispositivos, que na práctica ofrecen unha solución alternativa e complementaria ás accións de caza para controlar as poboacións de xabaril.

De feito, explicou que a Consellería fixo unha encomenda á empresa Tragsa para facilitar a colocación de gaiolas-trampa en zonas urbanas e periurbanas que adoiten frecuentar estes animais naqueles concellos que, de forma voluntaria, decidan adherirse.

Así, a Xunta prestará apoio técnico aos concellos e asumirá os gastos da instalación das gaiolas e a súa vixilancia, ademais de outorgar as correspondentes autorizacións. Pola súa parte, os concellos que se acollan ao protocolo determinarán os lugares estratéxicos e idóneos para instalar as gaiolas e encargaranse da xestión completa dos animais que sexan capturados grazas a este método, así como dos gastos derivados.

Ourense foi un dos primeiros concellos cos que a Xunta mantivo contactos para ofrecerlle a posibilidade de colaborar na instalación de gaiolas trampa para xabarís e nestes momentos está á espera de que o Concello confirme a súa intención de sumarse ao protocolo. Mentres tanto, a directora xeral enmarcou a reunión de hoxe coa asociación ourensá nos recentes contactos que mantén a Xunta coa veciñanza e o resto de administracións públicas implicadas no problema na busca de posibles solucións.

Así mesmo, Belén do Campo tamén aproveitou a reunión para agradecer a colaboración e a implicación do sector cinexético da zona, incidindo en que é unha peza clave para o control destas poboacións.