Medio Rural

A Xunta fomenta a razas autóctonas galegas

A finalidade destas achegas é apoiar a creación ou mantemento dos libros xenealóxicos e as actuacións que se deriven do desenvolvemento do programa de cría oficialmente aprobado para a raza.

Óscar Gómez

Ourense | 05.01.2024 07:54

A Xunta fomenta a razas autóctonas galegas
A Xunta fomenta a razas autóctonas galegas | onda cero

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a orde mediante a que se convocan 220.000 euros para o fomento das razas autóctonas galegas no 2024, que se concederán a organizacións e asociacións de criadores de razas autóctonas galegas, recoñecidas pola Comunidade Autónoma de Galicia. As entidades que se poderán beneficiar son aquelas oficialmente recoñecidas para a xestión do Libro Xenealóxico das razas bovinas cachena, caldelá, frieiresa, limiá e vianesa; a ovella galega; a cabra galega; o porco celta; o cabalo de pura raza galega e a galiña de Mos.

O investimento total procede dos orzamentos xerais tanto da Xunta, como do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA). Serán subvencionables a creación ou mantemento dos libros xenealóxicos, e as actuacións que se deriven do desenvolvemento do programa de cría oficialmente aprobado para a raza.

Os obxectivos que se perseguen con esta convocatoria de axudas son acadar unha explotación sostible dos recursos autóctonos e o mantemento da súa rendibilidade; a recuperación da variabilidade xenética das razas autóctonas de Galicia, e a súa potenciación de ser o caso; a diversificacións das actividades económicas no medio rural e favorecer a fixación de rendas complementarias a través da produción con estas razas; o aproveitamento dos recursos naturais e o apoio e difusión da mellora xenética destas razas.

Estas axudas non só teñen beneficios para a biodiversidade, senón que contribúen á preservación da cultura local e ao desenvolvemento económico da comunidade rural galega. Manter medidas de apoio a estas razas tamén permite que se constrúan sistemas agrícolas máis resilientes e sostibles.

Segundo o censo, con data do 31 de decembro de 2022, en Galicia hai 6.029 vacas de raza cachena, 2.958 de vianesa; 1.626 de caldelá; 1.577 de limiá; 947 de frieiresa; 5.385 exemplares de ovella galega; 1.342 de cabra galega; 4.173 de porco celta; 2.098 de cabalo de pura raza galega; e 21.466 exemplares de galiña de Mos.

Ligazón á orde no DOG:www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240104/AnuncioG0426-241123-0007_gl.html