Ourense Provincia

A Xunta entrega novas marquesiñas a tres concellos da provincia

Gabriel Alén subliñou que esta actuación se enmarca no obxectivo da Xunta de dotar de instalacións axeitadas as paradas das liñas do transporte interurbano, ofrecendo aos usuarios protección fronte ás inclemencias meteorolóxicas

Óscar Gómez

Ourense | 02.05.2022 10:05

A Xunta entrega novas marquesiñas a tres concellos da provincia
A Xunta entrega novas marquesiñas a tres concellos da provincia | onda cero

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, desprazouse a Castrelo de Miño, para testemuñar a entrega ao seu alcalde, Avelino Pazos, dunha mar-quesiña de trasporte público que o Concello instalará no núcleo de Vide, na estrada autonómica OU-402. O delegado territorial explicou que na provincia de Ourense instalaranse cinco unidades, ademais desta: dúas no concello de San Cibrao das Viñas, e outras dúas no concello de Esgos.

Trátase de refuxios que foron entregados pola Xunta para a súa instalación por parte dos Concellos, cun deseño integrado nas contornas rurais.

Esta actuación –segundo Gabriel Alén- enmárcase no obxectivo da Xunta de dotar de instalacións axeitadas as paradas das liñas do transporte interurbano, ofrecendo aos usuarios protección fronte ás inclemencias meteorolóxicas e mellorando a comodidade durante a espera.

Nestes casos, a Xunta, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, fai entrega dos novos refuxios aos concellos, sendo estes os encargados da súa instalación e do seu mantemento.

Gabriel Alén lembrou que o Goberno galego seguirá impulsar a renovación de novas marquesiñas, a través do contrato para a fabricación e subministro de 200 dos novos refuxios, cun investimento autonómico de máis de 1 millón de euros.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitou, ademais, o pasado 13 de abril o contrato para a instalación de marquesiñas de transporte público nas marxes da rede de estradas autonómicas das catro provincias.

Mediante este contrato a Dirección Xeral de Mobilidade dotarase dos medios necesarios para a instalación deses novos refuxios, tendo as empresas interesadas nestes traballos ata o vindeiro 11 de maio para presentar as súas ofertas. Os traballos que inclúe ese contrato céntranse no ámbito concreto do punto de localización definido pola Xunta, estimándose o orzamento medio da instalación de cada refuxio nuns 4.500 euros.

As marquesiñas contan cun deseño integrado na paisaxe, incluíndo materiais autóctonos como a madeira, e diferenciándose entre modelo rural e urbano, segundo a contorna na que se instalen.

Esta iniciativa do departamento que dirixe Ethel Vázquez vénse sumar a unha primeira fase, impul-sada en 2018, mediante a que xa se instalaron un total de 152 refuxios, con deseños para ámbitos urbanos ou rurais, en diferentes concellos de Galicia. Nesta primeira fase a Consellería de Infraestru-turas achegoulles as marquesiñas aos concellos para a súa instalación, asumindo a súa conservación e mantemento.

Estas intervencións enmárcanse no Plan de mellora de refuxios de paradas dos servizos de transporte público que está a impulsar o Goberno galego co obxectivo de fomentar unha imaxe recoñecible das marquesiñas de Galicia.

Tras completar o Plan de Transporte Público de Galicia, a Xunta continúa traballando na moderniza-ción dos servizos e das infraestruturas do transporte para responder de xeito eficiente ás necesida-des reais dos cidadáns en materia de mobilidade.