O delegado provincial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participou nunha reunión de traballo para buscar solucións ao problema dos xabarís do barrio de Covadonga. O delegado territorial amosou a súa preocupación pola frecuencia coa que nas últimas xornadas estes animais se achegan ás zonas urbanas e promoveu este encontro no que participaron as distintas administracións, estatal, autonómica local, as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, a Policía Autonómica e representantes veciñais.
Gabriel Alén tamén informou do procedemento de autorización a seguir ante a Xunta por parte das grandes cidades e dos concellos da súa área de influencia para instalar gaiolas trampa en zonas periurbanas dirixidas a capturar xabarís.
O representante do Goberno galego agradeceu á Subdelegación do Goberno a súa receptividade ante un problema de seguridade cidadá que podería acadar cotas de risco para as persoas que frecuentan as rúas e os parques da zona, facendo un chamamento á cidadanía para que non se achegue a estes animais nin os alimente.
O delegado territorial incidiu tamén na importancia de manter limpas e libres de maleza aquelas parcelas e zonas periurbanas que poden resgardar a estes animais e converterse en zonas de encame.